Os populares da provincia de Ourense xuntáronse este martes para queixárense de que o goberno español "búrlase especialmente das familias ourensás".
"O único que pode celebrar Galiza son os estacazos que meten, os desgustos e os atrasos", comentou o presidente do PP ourensán, Xosé Luís Baltar, ao respecto dos primeiros cen días do PSOE no goberno español após as últimas eleccións xerais.
"Neste tempo non se fixo absolutamente nada, agás cara á galería", dixo Baltar, criticando que o presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, teimase en "negar a crise económica cando xa o PP falaba dela antes das eleccións".
Sobre o mesmo asunto falou Xesús Vázquez, deputado ourensán do PP no Congreso, para quen o goberno español "búrlase de todas as familias, pero especialmente das ourensás", referíndose a continuación aos salarios e pensións "máis baixos" do Estado. "Diante dunha familia ourensá que ten que pagar 240 euros máis de media na súa hipoteca, que pague 17,5 euros máis con cada recibo eléctrico, que encha o tanque de gasóleo ou de gasolina en Ourense, pregúntome que celebran estes señores", laiouse Vázquez.
No mesmo acto, o tamén deputado ourensán Celso Delgado, criticou que o goberno español "non cumpre co que prometeu" no que lle toca a infraestruturas. Na súa intervención, sinalou que non comezaron as obras da alta velocidade ferroviaria na conexión Lubián-Ourense, hai incerteza na integración do TAV na cidade, atrasos na execución do TAV Ourense-Santiago, e abandonáronse as conexións entre Ourense e Vigo e Lugo. Ademais, denunciou tamén "non comezan as obras das autovías de Lugo-Ourense, Verín coa fronteira lusa nin Ourense-Ponferrada, ao tempo que seguen "paralizadas as obras do Arquivo, a Biblioteca Pública provincial, Museo Arqueolóxico e o Banco de España".