O vicepresidente da Xunta advirte nunha entrevista concedida a Europa Press de que a Galiza "non lle vale" unha cesión fiscal inferior ao 85%, e pide unha reforma do Imposto de Sociedades.
O vicepresidente do Goberno, Anxo Quintana, cre que "só cunha negociación bilateral" co Estado, Galiza conseguirá "unha cesta de tributos propia" e alertou de que a comunidade non alcanzará a suficiencia financeira cunha cesión do IRPF, o IVE e os Impostos Especiais inferior ao 85%, ao que habería que engadir a "territorialización" do Imposto de Sociedades.
Nunha entrevista concedida a Europa Press, Quintana advertiu de que "a Galiza non lle vale o mesmo resultado que a Cataluña" e é "insuficiente" que o Estado lle ceda á comunidade o 50% do IVE, o IRPF e os Impostos Especiais, como propuxo o ministro de Economía, Pedro Solbes.
Ademais, apostou por que Galiza conte cos tributos das empresas que operan aquí pero teñen sede fiscal en Madrid a través dunha "nova xestión do Imposto de Sociedades". "Estamos nun Estado que ten moi descentralizado o gasto, pero moi centralizados os ingresos", queixouse o político nacionalista, para quen o "gran fallo" do modelo de financiamento é que está "homologado" para todo o Estado, malia as realidades distintas.
"Bilateralidade co Estado"
Así, sinalou que ante a proposta "nada satisfactoria" do goberno español é "necesario e obrigado" que Galiza negocie directamente co Estado, xa que ponderar criterios como a dispersión e o envellecemento poboacional "non lle interesa a ninguén máis". "Temos unhas peculiaridades que nos obrigan a ter esa bilateralidade co Estado", insistiu.
Para iso, instou ás forzas políticas galegas a conseguir "unha postura de consenso que permita ter forza en Madrid" e nesta liña, trasladoulle ao conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, o "apoio e colaboración" da parte nacionalista do bipartito. Segundo dixo, este coñece as propostas do BNG e animouno a "tratar de crear ese consenso que lle daría moita forza".
Ao seu xuízo, "ver que uns teñen posibilidades de negociación bilateral" e Galiza non, que se lle nega a transferencia de Tráfico ou que o Estado "pode vulnerar o que é a vontade unánime e democrática" de crear unha comisión de seguimento das infraestruturas constitúen "unha boa demostración" de que Galiza necesita un novo Estatuto porque o vixente "está esgotado completamente". Por iso, apelou a "converter 2009 no ano do novo Estatuto de nación".
Infraestruturas
Entre tanto, avisou de que será "imposíbel" que a Alta Velocidade chegue a Galiza en 2012 se non se crea unha subcomisión de obras onde o noso país e mais o Estado "falen con sinceridade" e onde o presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, presente un "plan de investimentos a executar de forma inmediata".
"Coa man no corazón e na cabeza, de sermos capaces de constituír unha comisión antes de que finalice este ano, estariamos a tempo", asegurou, pero "se non hai ese plan, será imposible chegar en 2012", advertiu.
Con todo, asegurou non arrepentirse de non apoiar a reprobación da ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, porque, ao seu xuízo, "non lle salvaron a cabeza" senón que, o que fixo o BNG foi "conseguir beneficios para Galiza", é dicir, "que se consignase o 8% dos presupostos xerais". Baseándose niso, agora o país "pode reclamarlle ao Estado que se cumpra".
Críticas ao goberno español
Ao seu xuízo, "a actitude actual" do goberno español "non anima" a apoiar os próximos Presupostos Xerais do Estado, pero puntualizou que os dous deputados do BNG decidirán o sentido do seu voto en función de se as partidas "benefician a Galiza" e "sen mesturar" outras negociacións.
Neste senso, censurou como "unha irresponsabilidade" que Zapatero decidise "non consolidar unha maioría no Congreso". "Puido optar por ter un apoio do BNG e preferiu que estivese na oposición e agora estase a decatar de que o BNG tamén sabe facer oposición", aseverou.
Ademais, criticou que o Estado non pagase "os 400 euros para a aplicación da Lei de Dependencia" que lle corresponden a Galiza, que "vai moi avanzada" en número de valoracións, a segunda do Estado, e en prestacións asignadas". "Agora falta que o Estado pague", engadiu.
Asegurou que nesta reunión verificará as palabras de Zapatero sobre que a situación económica "non variaría a partida do nivel acordado" (outros 400 millóns a repartir entre as comunidades). En todo caso, ratificou o seu "compromiso" en materia de dependencia e sentenciou: "sabemos o esforzo que fixo Galiza e que imos seguir facendo, o que non sabemos é o apoio co que contaremos por parte do Estado".
"Aprobado alto" ao goberno da Xunta
Sobre a conxuntura política galega, Anxo Quintana considerou que nos tres anos de Goberno bipartito se conseguiu que Galiza "sexa respectada" e "máis forte", polo que a xestión da Xunta merece un "aprobado alto".
"Un goberno ten que aspirar a un notábel ou a un sobresaliente, pero para iso en política, fai falla tempo e non se pode cambiar a historia en só tres anos", concluíu ao tempo que recoñeceu que "quedan cousas por facer" pero "quedan meses por diante para culminar a actuación do Executivo", que "sería bo" rematar antes do final da lexislatura. Como materias pendentes citou a aprobación definitiva da Lei de Vivenda ou de Servizos Sociais ou a reforma da CRTVG.
"Dereito de autodeterminación dinámico e paulatino"
O vicepresidente do Executivo outorgoulle "toda a razón do mundo" aos que opinan que non se materializou o ideal nacionalista na xestión do Goberno. "Non lles podo dicir outra cousa, só faltaría que Galiza negada como nación polos séculos dos séculos se convertese en nación soberana en tres anos, cuns recursos competenciais limitados e recursos financeiros raquíticos". "Tampouco o pretendiamos", afirmou, e matizou: "porque era imposíbel facelo".
En todo caso, avisou de que de "de nada valen programas con moita vistosidade nacionalista se non hai pobo detrás". "O BNG ten que levar un proxecto transformador de acordo con Galiza e non hai proxecto transformador no mundo que non sexa capaz de provocar cambios se non leva pobo detrás", proclamou.
Anxo Quintana centrou o "gran éxito" do BNG en que é "capaz de facer as reivindicacións nacionalistas arrastrando cada vez máis pobo" e defendeu que "non hai tantas diferenzas entre o BNG dos anos oitenta e o de agora", porque o proxecto nacionalista "pasou sempre polo recoñecemento de Galiza como nación e por entender o dereito de autodeterminación dinámico e paulatino para conseguir maiores cotas de autogoberno e maior identificación nacional".
"Moi boas perspectivas electorais"
Con esta conxuntura, o voceiro nacional do BNG afronta con "moi boas perspectivas electorais" os próximos comicios ao Parlamento, nos que confía en que os nacionalistas converterán o seu proxecto electoral en "referencia" para unha "maioría social galeguista" cun "incremento" de votos, que se "traducirá en máis deputados e maior representación institucional".
Quintana remitiuse ás palabras do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, de que se vai "esgotar a lexislatura" e o único que pode haber é un "axuste técnico" de forma que esta cita electoral non coincida coas europeas.
Precisamente, sobre os comicios ao Parlamento Europeo, o dirixente nacionalista apostou por reeditar a alianza electoral para concorrer conxuntamente con PNV e CiU. "Non se me ocorre ningunha razón para non facelo", malia que aclarou que esta alternativa aínda non está pechada.