Co obxectivo de clarificar cal é o peso do sector privado no noso sistema sanitario.
O Observatorio da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública quere clarificar cal é a importancia do sector privado no noso sistema sanitario. Chama a atención que un centro como o vigués de Povisa teña unha lista de espera de 132 días para operarse, o que duplica a media dos hospitais do Sergas. Esta entidade sementa así a dúbida de que se estean a derivar pacientes para minimizar unhas demoras longas de máis.
Segundo a análise do Observatorio, Pontevedra e Ourense xa presentaban en decembro unhas listas de espera baixas (36 e 49 días en espera cirúrxica e 40 e 44 días en consulta médica) e, sen embargo, mantiveron unha tendencia descendente, baixando en días de demora para operarse. É un dato destacable, sobre todo tendo en conta as múltiples folgas convocadas ao longo deste ano por diferentes sindicatos.
Outros datos
A Asociación galega para a defensa da sanidade pública dá tamén outros datos: no segundo trimestre de 2008 constatouse un descenso xeneralizado nas listas de agarda cirúrxica (do 15,5 %) e de primeira consulta (do 14,1%) nos sete grandes hospitais. As maiores reducións obsérvanse no Xeral – Calde de Lugo (18,3%), seguido do Arquitecto Marcide de Ferrol (11,8%) e o Complexo de Pontevedra (8,3%). Pola contra, os descensos menores danse na Coruña (4,9%) e Vigo (2,8%).
En canto ás esperas médicas, os que máis as reduciron foron os complexos hospitalarios de Ferrol (40,4%) e Pontevedra (28%). Os que o fixeron en menor medida foron Lugo (5,4%) e Santiago (10,3%).