Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INCUMPRIMENTO DA LEI DE INCOMPATIBILIDADES

Pola mañá na pública, pola tarde na privada

A dobre adicación é un dos grandes problemas do noso sistema sanitario, segundo a Asociación na Defensa da Sanidade Pública.

Isabel G. Couso - 09:00 25/06/2008

"Non é aceptable, sensato nin razoable que os doutores traballen nos centros públicos e nos privados", así de tallante se amosa Manuel Martín, voceiro desta asociación. A colisión de intereses é evidente e ábrese a porta á práctica de diferentes corruptelas: a desviación de pacientes, a utilización de recursos públicos para pacientes da privada, os adiantos nas listas de espera por enriba de persoas que non poden ir á consulta particular... A consecuencia é a vulneración dos dereitos dos pacientes, daqueles que non teñen unha solvencia económica como para acudir a unha consulta privada.

A solución está no cumprimento da lexislación, xa que a Lei de Incompatibilidades data do ano 1984. Neste eido, a Administración quixo poñer freo aos abusos deste tipo e en outubro do ano pasado a Consellería de Sanidade anunciou a revisión dos seus concertos con centros privados da área sanitaria de Lugo, a xeito de exemplo, para rematar coa tolerancia aos incumprimentos desta lei. Sen embargo, dende entón non volvemos saber nada do tema. A explicación é que o sector profesional, integrado polos colexios de médicos e por algúns sindicatos, é moi forte.

Unha das trabas para a aplicación da Lei de Incompatibilidades procede do déficit de doutores que temos nalgunhas áreas. A AGDSP propón diferentes alternativas. Dunha banda habería que promover medidas encamiñadas ao retorno dos profesionais que se desprazaron a fora do territorio nacional. Para iso, é necesaria unha Oferta Pública de Emprego que contemple unhas condicións tanto económicas como laborais axeitadas. Doutra banda, tamén se pode abrir o abano de doutores que anualmente se licencian nas Facultades de Medicina. Ou abrir os centros sanitarios pola mañá e pola tarde, remunerando este incremento de actividade asistencial. Unha opción que descarta Manuel Marín é a de traer médicos dende o terceiro mundo e a explicación é ben sinxela: en Mozambique, por exemplo, hai menos médicos que en Pontevedra e darlle solución ao problema de déficit de profesionais no primeiro mundo deixaría en moi mal lugar á sanidade mozambicana.

Iniciativas no Parlamento
O BNG vén de anunciar que presentará dúas iniciativas para reclamar que se reformule o complemento de exclusividade. Os nacionalistas consideran que esta adicación debería de ser inescusable, fundamentalmente no caso dos xefes de servizo. Na actualidade, estes profesionais cobran 970,59 Euros por este concepto, un plus que perciben o 86% dos médicos. Sen embargo, segundo explica o BNG esta cantidade non está distribuída de igual xeito entre os diferentes servizos, polo que esixen que sexan precisamente os sectores como o das especialidades en cirurxía ou os xefes de servizo os que teñan recoñecida a súa adicación exclusiva.

Di o BNG que con estas medidas diminuiríanse as listas de espera, potenciaríanse e rendibilizaríanse os recursos humanos e técnicos e, sobre todo, conseguiríanse unha mellor atención aos pacientes.


5/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: