Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cos gobernos "mirando para outro lado"

As "agresivas" prácticas banqueiras afogan milleiros de familias

Malia a crise hipotecaria nos fogares, segue a ausencia de control das condicións abusivas en contratos de crédito e préstamo, e nada se sabe da reforma das normas sobre transparencia bancaria.

Redacción - 09:00 14/07/2008

A Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas de Aforro e Seguros de Galicia, Adicae, convocou este xoves a unha xuntanza na Coruña a familias afectadas polo risco de execucións hipotecarias. O colectivo calcula que a nivel estatal hai arredor de 60 mil familias coa auga ao pescozo e que antes de que acabe o ano até 120 mil poderían pasar a ingresar nas listas de morosos. Alén diso, avalían que pasando graves dificultades estarían sobre 4 millóns de familias ás que a hipoteca xa lles está espremendo o 50% ou máis dos ingresos mensuais dos que dispoñen. Só no partido xudicial coruñés, a execución de bens hipotecados chimpou un 26% no último trimestre respecto das cifras na mesma época o ano anterior.

A Plataforma xorde diante do que consideran que é a "parálise" das administracións á hora de informarlle aos cidadáns sobre os seus dereitos e fronte á necesidade de que o goberno español tome medidas "decididas e urxentes" para afrontar a situación. De xeito concreto, propoñen crear unidades de información de endebedamento que estean inseridas nos organismos de protección ao consumidor e urxen á reforma da normativa sobre transparencia bancaria.

"Houbo bastante falta de previsión, mentres a situación empeoraba, mirábase para outro lado", reflexiona María Queijas, de Adicae-Galicia, ao respecto do acontecido os últimos anos. O colectivo agoira que en Galiza, nun marco de salarios máis baixos e moitos mileuristas hipotecados, o escenario podería ser grave en moitos fogares. Despois desta primeira convocatoria na Coruña, Adicae ten previsto máis actividades noutras cidades, co obxectivo de servir como canle de actuación conxunta para os consumidores hipotecados.

Por riba, irregularidades no refinanciamento de débedas
"Un dos problemas principais é a desinformación", apunta a voceira do colectivo, "a xente non sabe nin cales son os seus dereitos nin como reclamar". "Confíase en que o banco actúa con boa fe, cando en realidade están actuando como unha actividade comercial máis tentando vender produtos a toda costa", indica Queijas.

Nese contexto é urxente un plan de actuación que "erradique as agresivas prácticas publicitarias e as condicións abusivas en contratos de crédito e préstamo". De xeito especial, Adicae advirte do descontrol das consultoras financeiras e empresas adicadas á reunificación de débedas. Este tipo de empresas, actualmente nun limbo lexislativo, actúan como entidades de financiación sen ter supervisión do Banco de España.. "Eu cheguei a ver unha con sede nun ciber", comenta Queijas. Mentres, o actual executivo socialista non atende as peticións para que se lle meta man a estes negocios en terra de ninguén, malia que en 2004 e no último treito do goberno Aznar realizaran unha proposta "da que nunca máis se soubo".


4/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: