Aprobou este luns un paquete de medidas para evitar o intercambio de arquivos protexidos. O pleno debateraas en setembro.
O Parlamento Europeo aprobou este luns unha serie de emendas que, na práctica, permitirá espiar os internautas coa escusa de salvagardar os dereitos de autor. O texto, que modifica cinco directivas, será votado nun pleno o vindeiro setembro con vistas a que entre en vigor no ano 2012.
O paquete de medidas, que pretende harmonizar a lexislación sobre telecomunicacións na Unión, inclúe puntos que xa foron duramente criticados por colectivos de internautas. Algúns dos máis polémicos son o feito de permitir que os fornecedores de acceso á internet desconecten os sospeitosos de compartiren arquivos con copyright despois de dous avisos, que os gobernos poidan decidir que software se pode usar na web, e mesmo autoriza que o software poida incluír programas espía que freen o intercambio de arquivos.
Detrás destas emendas percíbese a influencia de grupos de presión próximos ás multinacionais discográficas e audiovisuais, que pretenden evitar que os internautas compartan bens culturais, aínda que sexa sen ánimo de lucro.
Os grupos na defensa dos dereitos dixitais aseguran, por exemplo, que "Skype ou mesmo Firefox poderían ser declarados ilegais en Europa se non son certificados por unha autoridade administrativa", segundo Benjamin Henrion, da Fundación por unha Infraestrutura da Información Libre (FFII), quen tamén advirte da imposición dunha "censura soviética".
Christophe Espern, do grupo francés La Quadrature du Net, afirma que se está permitir "que compañías privadas poidan controlar e filtrar a internet con medidas técnicas orwellianas", mentres que o británico Open Rights Group tachou a lei de "desproporcionada e inefectiva".
O principal problema da proposta do Europarlamento é que, para poder detectar se os arquivos que se comparten infrinxen os dereitos de autor, é preciso un control exhaustivo de todos os datos que transmiten os internautas, vulnerando o seu dereito á intimidade. A outra solución, bloquear o intercambio de todos os arquivos, limitaría seriamente as posibilidades que achega a rede.