O Consello da Xunta aprobou este venres o proxecto da Lei de Servizos Sociais. O texto final libra os municipios dos compromisos orzamentarios neste campo.
A iniciativa para que os gobernos locais deban investir, cando menos, o 7% do seu orzamento en materia social, un punto por riba do que estabelece a norma vixente, non aparece no borrador final aprobado este xoves polo Consello da Xunta na forma en que inicialmente se propuxera. Segundo explicaba o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, á saída da xuntanza cos conselleiros, a lei deixa na súa exposición de motivos a suxestión de "acadar un compromiso de esforzo financeiro público que se poderá cifrar a medio prazo en torno ao 7% dos orzamentos das administracións públicas competentes".
A Vicepresidencia da Xunta, encargada da elaboración do proxecto manifestara hai tempo a súa intención de deixar subliñado neste texto legal a obriga da inxección do 7% dos orzamentos dos municipios nese eido. A medida fora combatida por PSdeG e PPdeG, fundamentalmente a través da Federación Galega de Municipios e Provincias. Así por exemplo, o pasado mes de febreiro os representantes socialistas e populares na Fegamp emitiran un voto particular en contra do artigo do anteproxecto de lei. A oposición a esa porcentaxe mínima en políticas de benestar estaba argumentada no presunto ataque "á autonomía municipal" que ese criterio implicaría, na opinión de socialistas e populares.
A Fegamp ve recollidos os seus criterios
Segundo o presidente da Fegamp, o tamén rexedor do Consello de Ames, Carlos Fernández, o anteproxecto fora redactado "unilateralmente" por Vicepresidencia, motivo polo cal pedía Fernández que o executivo "non pase do poder local nin o entenda como subsidiario". O alcalde insistiu en que "é case seguro que os municipios superan esa porcentaxe porque son o sustento básico para a prestación de servizos sociais".
Na tarde deste xoves, o presidente da Fegamp pedía "unha rectificación" do vicepresidente e dos que cualificou de "seus acólitos". "Nin eramos tolos, nin arietes de ninguén, nin as nosas accións obedecían a criterios partidistas", opinou Carlos Fernández, "tampouco eramos inimigos do social nin amigos do ladrillo e o formigón e moito menos alcaldes inmobilistas que queren que todo siga igual", en referencia ás acusacións recibidas. Fernández valorou así positivamente que o texto desta lei "dálle a razón aos concellos".
Unha lei para "superar a visión asistencial"
A norma aprobada, segundo defenden desde a Xunta, implica a viraxe dun modelo "asistencialista" cara a un novo modelo de xestión do benestar "baseado na universalización, a xestión innovadora, preventiva e integral, e mais o impulso á autonomía, a inclusión social, a dignificación das persoas e o recoñecemento dos seus dereitos". Outro eixo que destaca o Goberno é o "carácter transversal" que terá esta lei, xa que trata de organizar os espazos socisanitario, socioeducativo e sociolaboral. "Estabelece un catálogo de servizos, que será esixíbel como dereito por parte da cidadanía", explican.
Con esa fin, a norma estabelece diversos instrumentos, como é a "tarxeta social galega", unha figura semellante á actual tarxeta sanitaria. Tamén se regulamenta a participación da iniciativa social e de entidades privadas na xestión dos servizos sociais. Deste xeito crearase o Consello Galego do Benestar, dentro do cal estarán o Observatorio Galego de Servizos Sociais e a Mesa Galega de Servizos Sociais. Deste organismo formarán parte a Fegamp, organizacións empresariais, centrais sindicais e organizacións profesionais agrarias, colexios profesionais, universidades, asociacións de usuarios e entidades prestadoras de servizos sociais. Tamén se creará a Axencia Galega de Servizos Sociais, coa fin de "propiciar unha xestión máis áxil e eficiente no marco das funcións fixadas neste proxecto de lei".
Estratexia para seis anos
Na súa comparecencia este xoves, o presidente da Xunta salientou o estabelecemento do chamado Plan Estratéxico de Servizos Sociais. Trátase dun sistema de planificación a elaborar cada seis anos, a través de programas sectoriais que deberán responder aos requirimentos mínimos que a lei fixa en cada caso.
Entre estes requirimentos estarían a análise das necesidades e da demanda social que motiva o plan; definición dos obxectivos de cobertura e establecemento de períodos temporais para a súa consecución; tipificación e distribución territorial dos recursos necesarios para lograr os obxectivos ou criterios de seguimento e aplicación e avaliación. Neste sentido fíxase a obriga de que os orzamentos anuais inclúan as "previsións" para atenderen as necesidades dos servizos sociais para cada exercicio.