O voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, subliñou este domingo en Moaña o labor "decisivo" do nacionalismo galego en Madrid "na reclamación ao Estado das infraestruturas" que Galiza precisa.
"Grazas a nós houbo unha maioría parlamentar en Madrid que reclamou o cumprimento de prazos para as infraestruturas galegas", afirmou o voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, durante a súa intervención este domingo en Moaña na primeira Festa Nacionalista no Morrazo. Quintana recordou que durante a campaña electoral recente apuntara que o BNG ía ser decisivo en Madrid e insistiu en que "o sucedido esta semana foi a demostración do carácter decisivo do BNG".
Neste sentido, indicou que "non hai diferenzas entre os gobernos do PP e do PSOE, teñen actuado do mesmo xeito con Galiza dependendo dos seus intereses e de quen goberne, e só o BNG defende os intereses de Galiza e dicimos o mesmo aquí e en Madrid". "Somos os únicos que actuamos sempre igual e reclamamos o que nos corresponde", expresou, asegurando que o BNG traballará para que sexa posíbel "a unidade das forzas políticas galegas para reclamar que o Estado cumpra".
Nesa liña, anunciou que esta semana no Parlamento vaise tentar trasladar o acordo que houbo en Madrid, para evitar "equívocos, abstencións e votos contrarios". "Porque preferimos unha posición unánime e forte en Madrid a unha acción individual do BNG", dixo.
Por outro lado, Quintana analizou tamén as afirmacións do presidente do goberno español esta fin de semana nos medios de comunicación, onde afirmara que "o da crise é opinábel". Na opinión do líder do Bloque, "a crise é unha evidencia e o que son opinábeis son os mecanismos para saírmos dela".