O Partido Popular instalará este verán unha carpa itinerante en 21 concellos para achegar a súa formación á rúa.
A campaña recibirá o nome de "Cambio a mellor" e márcase dous obxectivos. Dunha banda, os populares galegos queren estar a pé de rúa, achegar as súas propostas á cidadanía e impulsar unha nova imaxe dun partido plural e aberto. Doutra banda, esta carpa contará cun espazo para que os cidadáns trasladen os seus problemas, propostas e recomendacións ao partido. Neste sentido, instalaranse buzóns de suxestións e repartirán máis de 20.000 cuestionarios para profundar nas inquedanzas dos simpatizantes populares.
A carpa instalarase nun total de 21 concellos e contará coa presenza dos dirixentes do Partido Popular en Galiza, liderados polo presidente galego, Alberto Núñez Feijóo. O secretario xeral da formación, Alfonso Rueda, marcouse ademais o reto de que se acheguen pola carpa uns 100.000 galegos e asegurou que este é o xeito de demostrar que "a política non se fai nos despachos" e mudar así a percepción dos cidadáns.
A carpa contará con tres espazos diferenciados: un recollerá unha mostra sobre o que a xuízo do PP foi Galiza nos anos de goberno bipartito, outra contará con oficinas para que os deputados e dirixentes do partido poidan entrevistarse coas persoas que queiran falar con eles, e haberá un espazo lúdico. Este último contará cunha sección de novas tecnoloxías, na que os visitantes poderán mesmo divertirse cunha consola wii.
Rueda rexeita enmarcar esta iniciativa na precampaña electoral, se ben recoñece que as propostas e suxerencias que recollan se incorporarán ao programa co que concurrirán ás vindeiras eleccións.