Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reforma pendente no ente público

O PPdeG di que bloqueará "o consello de teletouriño" se non se negocia a renovación da CRTVG

"Queren perpetuar a precariedade laboral", acúsaos o Bloque. Os socialistas opinan que con estas decisións os populares "foxen do centrismo" que reivindican.

Redacción - 17:00 24/06/2008

"Abonda con que haxa vontade política", insistiu este martes o voceiro do grupo parlamentario do PP, Manuel Ruíz Rivas, argumentando que "non é preciso reformar norma algunha" para que o director xeral da CRTVG sexa nomeado "por consenso da Cámara". Así, e co trasacordo sobre as posicións que mantiñan cando estaban no goberno, desde o PP opinan agora que non avanzar nese sentido é "bloquear a pluralidade e a democracia". Na mesma liña, Ruíz Rivas pediulles a socialistas e nacionalistas que "abandonen a soberbia" e senten cos populares a negociar a renovación da CRTVG.

Ao tempo, os representantes do PP no Consello de Administración da CRTVG votaron por terceira vez contra a renovación dos membros do BNG neste organismo, despois da morte dun deles, Lois Obelleiro, e a dimisión da outra representante nacionalista, Cecilia Pérez Orxe, que segue de momento en funcións. A teima do PP mantén paralizada ademais a oferta pública de emprego do ente, nunha situación inédita a nivel estatal, onde moitos traballadores levan máis dunha década en situación de interinidade.

Dezaseis anos sen regularizárense os postos de traballo na CRTVG
A situación foi criticada polo voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, quen recordou que desde 1992 non se producen procesos selectivos no ente público e opinou que o PP "pretende manter unha maioría vantaxista para perpetuar a precariedade que crearon no seu mandato na compañía". Aymerich reprochoulles aos populares que insistan nunha decisión "non só de carácter político", senón que trata de tirar unha "vantaxe" que "alcanza á situación laboral dos traballadores e traballadoras das empresas integradas no ente público".

Por outro lado, o voceiro do grupo socialista, Ismael Rego, dixo dubidar do "centrismo" onde o PPdeG afirma moverse. "Din estar a viaxar cara ao centro dende hai anos pero seguen bloqueando os órganos democráticos como o consello de Administración da CRTVG", censurou Rego.


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: