Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Á beira do manifesto "Lengua Común"

A belixerancia fronte ás linguas minorizadas chega ao Congreso da man de UPyD

A formación liderada por Rosa Díez presentará un proxecto de lei en favor do privilexio para o español.

Redacción - 12:00 24/06/2008

Unión Progreso y Democracia, UPyD,a formación política que, liderada pola ex eurodeputada socialista Rosa Díez, conseguiu un asento no Congreso nas últimas eleccións xerais, elixiu que a súa estratexia inicial no comezo de lexislatura se centre no ataque ás linguas minorizadas e a argumentación sobre os presuntos problemas para os español-falantes no conxunto do Estado.

Como chanzo previo, dúas ducias de intelectuais vencellados directamente a este partido ou que en diversos momentos se manifestaron a prol de UPyD, asinan o chamando "Manifiesto por la Lengua Común". Entre eles aparecen o escritor Mario Vargas Llosa, o profesor Fernando Savater e Roberto Blanco Valdés, catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago. O documento expón a existencia de presuntos problemas para os falantes de castelán e subliña que a lingua castelá "é común e oficial" sendo "a única cuxa comprensión pode serlle suposta a calquera efecto a todos os cidadáns españois". Así, os asinantes piden que o Congreso aprobe "unha normativa legal do rango axeitado, que no seu caso poida esixir unha modificación constitucional e dalgúns estatutos autonómicos" para evitar eses supostos obstáculos ao español.

"Nas comunidades autónomas con dúas linguas hai 16 millóns de persoas que non poden estudar castelán", chegou a dicir Carlos Martínez Gorriarán, catedrático de Filosofía, durante o acto de presentación do manifesto. A panca para forzar o debate sobre esa cuestión será UPyD, que xa anunciou a presentación dunha proposición de lei para evitar o que cualifican de "discriminación por razón de lingua". O partido de Díez vai deste xeito un chanzo máis aló dos que tiña andado no seu momento o PP, desde onde algúns deputados presentarán iniciativas concretas en materia lingüística falando de suposto "acoso" ao castelán. Así, na práctica, UPyD aspira por exemplo a retirarlle total ou parcialmente as competencias en materia de Educación aos gobernos de Galiza, Cataluña e Euskadi, propoñendo que sexa o goberno español o que fixe os criterios en materia de lingua nas aulas.


3,73/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: