Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
CONTRA OS INCENDIOS

Portugal afina os seus mapas contra o lume

O Instituto Xeográfico Portugués vén de elaborar unha cartografía que ilustra en detalle os riscos de incendio forestal.

Redacción - 12:00 23/06/2008

As zonas montañosas e moitas reservas naturais son os lugares máis proclives ao lume. Así se desprende desta nova cartografía que estuda ao detalle as probabilidades de que se orixinen incendios forestais nas distintas áreas de Portugal.

O risco máis elevado está sobre a zona central do país e inclúe zonas como a Serra da Estrela, do Açor, da Lousã ou da Gardunha, áreas que xa se viron moi castigadas polos incendios forestais do 2003. De igual xeito, os mapas alertan do perigo ao que está sometido o Parque Nacional da Peneda - Gerês e os parques naturais da Arrábida, serra da Estrela, serra de São Mamede e serra de Aire e Candeeiros, así como algunhas zonas montañosas do norte, e do sur, como o Algarve.

Esta cartografía elaborada polo Instituto Xeográfico Portugués elaborouse atendendo aos factores que contribúen ao inicio do lume: a ocupación do solo, a exposición ao sol, a densidade poboacional ou as redes viarias. Asemade, dá conta doutros datos como os tempos de resposta estimados, as prioridades de vixilancia ou a dotación de bombeiros na zona.

O Instituto Superior de Agronomía para a Direcção-Geral dos Recursos Florestais, así como o Instituto de Meteorologia tamén están a traballar en cartografías semellantes, que contribúan a organizar unha mellor resposta ante os incendios. O obxectivo é que estes recursos se complementen entre si.


Ligazóns

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: