A FEG foi informada polo Conselleiro de Medio Ambiente, nunha reunión entre asociacións ecoloxistas e os máximos responsables da Consellería de Medio Ambiente, que non fora posible consensuar entre Industria e Medio Ambiente un plan de áreas de exclusión que liberara zonas de importancia ecolóxica de Galicia de parques eólicos.
Igualmente a FEG denuncia a falta de democracia participativa por parte de Industria e Medio Ambiente dada a inexistencia dun proceso de consulta previo para definir e mellorar aspectos do que vai ser o suposto novo modelo eólico, que debía xa dende os primeiros estudios contar coa consulta e opinión dos cidadáns e en particular coas organizacións ecoloxistas, e para o que nin tan sequera se presentou e comunicou, lamentando que igual que se fixo cos promotores eólicos o mínimo era terse feito tamén co resto de galegos, que algo que dicir e aportar tamén temos para construír o país.O novo modelo eólico, que en si é unha simple ampliación en 2.325 Mw para acadar os 6.000 no ano 2012, analizado dende a perspectiva ambiental terá unha repercusión sobre a conservación do territorio e da paisaxe que cualificamos coma de impacto crítico e inasumible. Incide novamente nos mesmos erros de planificación territorial que tiña o anterior plano, fortemente criticado polos membros do actual goberno, que deixara de lado a protección ambiental e paisaxística das montañas galegas para converter a Galicia nun dos territorios do mundo con maior potencia instalada e en tempo record.
Aos gravísimos danos ambientais ocasionados nos últimos anos coa instalación de case 4.000 Mw repartidos en cerca de 100 parques eólicos haberá que sumar os novos que resulten do reparto da nova potencia de ampliación, e coa preocupación de saber que se ofrece practicamente máis do mesmo. Isto podería ser diferente de terse presentado, aprobado e consensuado, antes de repartir e asignar ás empresas os novos territorios de estudio, unha cartografía de exclusión definida por estritos criterios ambientais. Agora correse o risco, de que unha vez repartidas ás áreas para explotación eólica entre as empresas, de que tanto Industria e Medio Ambiente recúen cando toque o momento de desautorizar proxectos de novos parques no caso de reproducirse conflitos sobre a idoneidade ambiental do emprazamento dos mesmos.A FEG considera de grave irresponsabilidade que as dúas consellerías non teñan traballado conxuntamente para remediar o problema da compatibilización do desenvolvemento eólico en Galicia coa preservación da paisaxe e do medio natural. Que hai un traballo de xestión na planificación moi mal feito, e evidencia unha pobre preocupación de protección do territorio, pois de terlles preocupado realmente antes de ampliar por capricho 2.325 Mw habería que ter feito un diagnóstico e rigorosa avaliación do impacto ambiental global e real provocado, cousa que non fixo o PP e que despois de tres anos tampouco a Xunta coa Consellería de Medio Ambiente e Industria. Sen está avaliación previa preguntámonos como é posible artellar o novo plan eólico para que encaixe coa nova lei de protección da paisaxe, cos plans de conservación das especies ameazadas ou cos plans de xestión dos espazos Rede Natura.A opinión dende Universidades, técnicos e consultores ambientais cos que a FEG ten falado en relación a esta cuestión amosa que unha vez que se teñan rematados estes estudos e plans de xestión, que se pagan basicamente con fondos da Unión Europea para implementar as directivas de protección da natureza, se advirta de que a planificación eólica deseñada o territorio galego é incompatible coa conservación do patrimonio natural e paisaxístico do noso territorio.Algúns dos novos parques ocuparan emprazamentos de zonas do que pode ser a ampliación da Rede Natura 2000, e tódalas áreas limítrofes á Rede Natura que xa contan con parques, principalmente en zonas das serras da Dorsal Galega, espazos costeiros da Costa da Morte, na Limia, Trevinca, ou montañas interiores da provincia de Lugo. E destruirán habitásts esencias para numerosas especies ameazadas, caso da aguía real, a tartaraña cincenta, outras aves rapaces, anfibios e flora ameazada de extinción.