Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PLENO EXTRAORDINARIO, EN XULLO

As forzas parlamentarias bolen para reformar o voto exterior antes do verán

PPdeG, PSdeG-PSOE e BNG acelerarán os prazos legais co fin de que que a modificación chegue a tempo para as eleccións ao Parlamento.

Redacción - 18:35 17/06/2008

Os tres grupos parlamentarios acordaron este mércores reducir prazos (en concreto, o período de emendas recurtouse a un só día) para aprobar a proposición de lei que conduza á reforma da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral (LOREG) nun pleno extraordinario que se celebraría en xullo. A aprobación neste prazo é imprescindíbel para que a reforma electoral puidese chega a tempo para os comicios autonómicos da vindeira primavera. Así pois, no próximo pleno, que se celebrará os días 24 e 25 de xuño, o Parlamento debaterá a toma en consideración desta proposición de lei, para que inicie o seu trámite legal.

Malia á unanimidade expresada polos tres partidos no tocante á necesidade de acelerar os prazos para a aprobación da reforma, os voceiros das tres forzas discreparon publicamente sobre distintas cuestións, comezando pola efectividade real deste esforzo. A este respecto, o nacionalista Carlos Aymerich advertiu de que "calquera persoa dáse conta" de que coa proposición de lei "non se chegará a tempo" aos próximos comicios galegos, polo que o BNG presentará unha iniciativa no Congreso para que se aprobe por esta vía, unha vez que xa existe o consenso entre as tres forzas políticas.

Pola contra, populares e socialistas si confían rn que a proposición de lei leve a unha rápida reforma, e Ismael Rego replicoulle a Aymerich que o "BNG xa tivo tempo" de presentar iniciativas para a reforma e que o Parlamento non debe interferir nos grupos parlamentarios no Congreso, polo que relegou á Cámara Baixa a responsabilidade de aprobar a proposición.

Críticas de Núñez Feijoo

Pola súa banda, o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, mostrouse partidario de "condicionar" a que existan garantías de que os emigrantes poidan votar en urna a convocatoria das próximas eleccións autonómicas posto que considerou este feito "o condicionante de máxima prioridade" para a celebración dos comicios. Para resaltar a necesidade de abordar a modificación da lei electoral canto antes, aludiu á "fraude continuada" no caso da suposta axente electoral ou aos "embaixadores sen embaixada" nomeados polo PSOE, segundo el, para "conseguir os favores que non conseguen nas urnas".

Ao seu xuízo, se as tres forzas galegas presentan un texto consensuado na Cámara Baixa "ninguén poderá negar" a "lexitimidade" da Cámara autonómica a decidir como quere ser elixida, polo que rexeitou "escusas de mal pagador". De feito, indicou que o Grupo Popular nas Cortes está esperando a que o Parlamento galego aprobe a proposición de lei "por unanimidade" para "facela súa" e votar a favor. Segundo os seus cálculos, o Congreso podería darlle o visto e prace ao texto "no mes de setembro".

Deste xeito, non se mostrou partidario de que as forzas galegas presenten proposicións de lei no Congreso para propiciar este debate, como propuxo onte en Bloque na comisión de investigación da suposta axente electoral. En opinión de Feijóo, o BNG abriu este debate para "confundir e mesturar asuntos" co fin de "disimular o seu comportamento vergoñoso" ao aprobar xunto cos seus socios de Goberno o ditame desta investigación parlamentaria, que non esixe responsabilidades a ningún membro da Xunta por este asunto. En consecuencia, considerou que tanto socialistas como nacionalistas son "autores e cómplices", respectivamente" da "fraude continuada" detectado polo PP no caso da suposta axente electoral.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: