A Xunta sairá do padroado dos 34 entes creados polo anterior executivo. En troques, o departamento de Suárez Canal manterá os centros comarcais.
A disolución das fundacións comarcais, unha das promesas do bipartito, vai ser unha realidade co remate da lexislatura. O conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, compareceu este martes diante dos medios de comunicación para anunciar que o seu departamento sairá dos padroados das 34 fundacións que existen na actualidade. Sen o financiamento económico da Xunta, estes entes creados pola Xunta de Fraga (e no que participan concellos e asociacións) terán que manter o persoal con fondos exclusivamente municipais ou optar pola disolución.
Mais os cambios que vai anunciar Suárez Canal van máis aló. O conselleiro nacionalista tamén explicou que eliminará a Sociedade de Desenvolvemento Comarcal de Galiza. Porén, neste caso, os traballadores, tanto fixos como temporais, serán recolocados nos vindeiros meses noutros organismos como o Agader ou o Bantegal.
Suárez Canal inistiu en que a Sociedade Comarcal e as fundacións estaban a duplicar os servizo que xa presta tamén Agader. De feito, o conselleiro xustificou que se mantivese o ente até o final da lexislatura porque moitas das fundacións estaban xestionando até o de agora fondos europeos.
O que si quere manter Medio Rural é a tutela dos quince centros comarcais. Dende este departamento subliñan que no seu momento supuxeron un forte investimento e sosteñen que poden aproveitarse os inmóbeis para darlle servizos ás comarcas.
O Parlamento terá que reformar logo do verán a Lei de Desenvolvemento Comarcal, aprobada en 1996, para que, acto seguido, a consellaría poida proceder ás simplificacións de organismos. Máis aló do aforro económico, Suárez Canal destacou que o resultado serán uns instrumentos de goberno máis eficientes.