Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Pesimismo dos grupos parlamentarios

Agoiran que a reforma do voto emigrante non chegará a tempo para as eleccións

Malia o consenso no Parlamento, PP, PSOE e BNG admiten que só a presentación dunha proposición de lei no Congreso aceleraría os trámites.

Redacción / EP - 13:15 14/06/2008

Nos tempos que agora mesmo manexan as burocracias administrativas, os emigrantes non podería votar en urna nas próximas eleccións. Así o admiten os tres grupos parlamentarios, despois de aprobar recentemente a proposta para unha reforma, de mínimos, da lei electoral que, fundamentalmente, puidese garantir ese voto en urna.

A proposición de lei deberá ser sometida aínda a debate nun próximo pleno, para pasar a continuación á comisión institucional. Con posterioridade, e despois de aprobación en comisión, aínda deberá ser votada en pleno. Coas vacacións dos deputados polo medio, a votación definitiva non se produciría con probabilidade até as portas do outono, se cadra nalgún dos plenos do mes de setembro. A continuación, a proposición seríalle remitida ao Congreso, onde até que se produza o debate de toma en consideración poderán pasar varios meses. Logo do conseguinte debate tanto no Congreso como posteriormente no Senado, aínda quedaría por adiante a aplicación real da lei, un proceso que dependería do compromiso e recursos que o goberno español puxese co proceso.

Dado que é probábel que os comicios galegos sexan no mes de marzo, para non coincidir coas eleccións europeas, as mesmas sombras de cada cita coas urnas seguirían caendo sobre o voto da Galiza exterior.

A posibilidade de abrir o proceso directamente en Madrid
Conscientes desa situación, os tres grupos parlamentarios recoñecen que é "case imposíbel" que a proposta chegue a tempo para as eleccións. Do mesmo xeito, admiten tamén que a única oportunidade para tratar de que a reforma se realice nese prazo é que se presente unha proposición no Congreso.

De momento a única formación que deu o paso é o BNG. Así, os nacionalistas convidan a PP ou PSOE a presentaren directamente a iniciativa, estando dispostas a retiraren a súa e unírense a un consenso. Ao fío, desde o PPdeG afirman estar agardando á volta do congreso do partido en Valencia para que sexa a nova dirección do partido a que tome calquera dirección ao respecto. Mentres, desde o PSdeG, recoñecen que sería a forma de acelerar o proceso pero non aclaran se finalmente se decidirán a presentala.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: