Finalmente a Federación Española de Piragüismo optou pola parella formada polo galego Carlos Pérez e o catalán Saúl Craviotto para cubrir a praza gañada polo K-2 para Beixín 2008.
Había que escoller entra a parella formada por Carlos Pérez, Perucho, e Saúl Craviotto ou a formada por Javier Hernanz e Diego Cosgaya no K-2, porque ámbalas dúas tripulacións conseguiran o subcampionato de Europa (os primeiros en 500 metros e os segundos nos 1.000), e só había unha praza para as Olimpíadas deste verán na especialidade.
Despois de dúas semanas de incerteza, a decisión foi tomada esta quinta feira pola Comisión Permanente da Xunta Directiva da RFEP, após escoitar os informes dos directores técnicos do equipo de canoa, Xesús Morlán (adestrador, tamén, de David Cal), e do equipo feminino, Fausto Moreno. Segundo contan dende a federación, foi "unha das decisións máis importantes e difíciles" ás que se tiveron que enfrontar. Ao final escolleron a Perucho e Craviotto.
Xa son catro os piragüistas galegos en Beixín
Dezaoito días despois do Europeo de Milán, son catro os piragüistas galegos que han estar este verán en Beixín: David Cal (en C-1, 500 e 1.000 metros), Teresa Portela (K-4 500 e K-1 500), Sonia Molanes (K-4 500 e K-2 500) e Carlos Pérez, Perucho (K-2 500).
Estes súmanse aos regatistas Antón Paz e Fernando Echávarri; aos atletas Santi Pérez e Sandra Aguilar; e aos triatletas Xavier Gómez Noya e Iván Raña.