Na presentación do documento, Touriño anunciou que se multiplicarán por 17 as autovías libres de peaxe de aquí a 2020.
O Goberno poñerá en marcha o Plan Director de Estradas de Galiza, que terá un orzamento de 16.000 millóns de euros, dos que a metade chegarán do Ministerio de Fomento. O plano anunciado polo presidente da Xunta e pola conselleira de Política Territorial ten o obxectivo de mellorar a accesibilidade a mobilidade do país dun xeito "radical".
O documento vai supoñer un investimento anual medio de 666 millóns de euros por parte da Xunta. Segundo explicou Pérez Touriño, o 74% das estradas da rede autonómica verase beneficiado polas melloras, que tamén van levar consigo unha redución no tempo das viaxes. O plan, co horizonte do ano 2020, incidirá especialmente nos 'puntos negros' das estradas e reducirá ao mínimo as travesías co fin de aumentar a seguridade.
En concreto, o plan aumentará de 1.000 a 2.300 os quilómetros de vías de alta capacidade, e multiplicará por 17 os quilómetros de autovías libres de peaxe, dos 27 actuais até 466. Deste xeito, segundo o presidente, todos os núcleos de poboación estarán "a menos de 30 minutos dunha gran vía de altas prestacións".
A tramitación do plan "de longo alcance" levará consigo as modificacións nas reservas de solo "oportunas e necesarias". María Xosé Caride anunciou que, ademais da accesibilidade dos concellos, o Plan Director de Estradas terá un punto dedicado "á conexión cos intercambiadores portuarios, aeroportuarios e ferroviarios". Segundo a conselleira, outro dos obxectivos é "reducir nun 40% os falecidos en accidentes de tráfico e o número de accidentes".
Pérez Touriño tamén presentou o proxecto como un factor de desenvolvemento económico en tempos de "dificultade e de desaceleración", pois, segundo dixo, mellorará a competitividade da economía do país, incrementará a produción nunha media de 1.800 millóns de euros anuais e creará 28.000 postos de traballo durante os 12 anos de vixencia.