Os ministros de Interior ratificaron a norma sobre repatriación de persoas en situación irregular, que deberá ser aprobada polo Europarlamento.
Os ministros do Interior da Unión Europea ratificaron esta quinta feira o acordo chegado hai uns días, que pretende crear un criterio similar entre os diferentes Estados á hora de proceder á repatriación das persoas que viven dentro das fronteiras europeas en situación irregular, é dicir, daquelas que non teñen permiso de residencia ("inmigrantes ilegais").
O seu apartado máis polémico é o que lles permite aos Estados membros confinar os inmigrantes á espera da súa expulsión en centros de internamento até un máximo de 18 meses. Reino Unido, Dinamarca, Estonia, Finlandia, Grecia, Irlanda, Malta, Países Baixos e Suecia non contemplan ningún límite. No Estado Español o período máximo é de corenta días.
Este espazo de tempo, en teoría, estabelecese para que se poidan realizar as xestións diplomáticas de cara a devolver a estas persoas ao seus países de orixe, Estados na súa maioría nunha situación económica paupérrima e de violencia diaria.
Os dereitos humanos nos centros de retención
Os inmigrantes permanecen confinados nos centros de retención durante este período. Axencias internacionais e ONG veñen denunciando dende hai tempo o trato dispensado nestes lugares, onde con frecuencia se violan os dereitos humanos dos internos.
A presidencia eslovena dixo que espera que o Europarlamento ratifique a norma durante o pleno que terá lugar na terceira semana de xuño. Se isto ocorrese, concluirían todos os trámites e a denominada directiva de retorno aprobaríase en primeira lectura.
Un punto pendente é quen ía costear a asistencia legal dos "ilegais". Países como Alemaña, Austria e Grecia non estaban dispostos a correr cos gastos. Finalmente, decidiuse que cada Estado tivese a potestade de decidir sobre este punto.
Ademais, a norma estabelece que cando unha persoa en situación irregular sexa expulsada terá prohibida a súa entrada en territorio comunitario durante un período de cinco anos.