Un novo exemplo de falta de coordinación entre as consellerías de Medio Rural e de Medio Ambiente está a provocar que ao mesmo tempo dúas administracións empreguen cartos públicos no mesmo lugar (LIC Serra do Careón) con intencións totalmente opostas.
O LIC Serra do Careón sitúase nos concellos de Melide, Santiso, Toques (A Coruña) e Palas de Rei (Lugo). Este LIC conta co privilexio de ser un dos puntos máis importantes da Península no que se refire á conservación de plantas ameazadas entre elas varias especies únicas no mundo, algunha delas en perigo de extinción, como a Armeria merinoi, a Santolina melidensis ou o Leucanthemum gallaecicum.
Alén deste valor botánico, este LIC conta con diversas especies de fauna consideradas como "vulnerábeis" polo Catálogo Galego de Especies Ameazadas como a tartaraña cincenta (Circus pygargus), a papuxa montesa (Sylvia undata) e o sapo Discoglossus galganoi. É interesante destacar que estas especies se desenvolven asociadas ás áreas de matogueira ben conservadas, como as que existen na
serra do Careón.
Dacordo coa rareza e a elevada importancia de moitas destas especies, a Consellaría de Medio Ambiente está a financiar, empregando cartos públicos, unha serie de Plans de Conservación destas especies ameazadas, nestes Plans débese analisar o estado das poboacións das especies, as principais ameazas que sofren e as medidas para garantir que estas ameazas desaparezan.
Ao tempo, na zona norte do LIC, en concreto na contorna da aldea de Paradela (concello de Toques), a Consellaría de Medio Rural está a financiar, tamén con cartos públicos, o desbroce e roturado de 8 hectáreas de matogueira onde se atopan especies ameazadas de plantas (Armeria merinoi) e animais (Circus pygargus) para desenvolver plantacións de piñeiros.O grave é que este feito non é isolado, senón que na zona sur do mesmo LIC, na área de Barazón (concello de Santiso), desde hai case dous anos a FEG ven denunciando públicamente o feito de que se estean a financiar plantacións de piñeiros e eucaliptos sobre hábitats prioritarios para a UE onde están presentes especies en perigo de extinción.
Desde a Federación Ecoloxista Galega (FEG) queremos denunciar a existencia de dúas administracións autonómicas que funcionan en paralelo e que están a provocar, a costa do esbaldimento de recursos públicos, danos irreparábeis á biodiversidade, patrimonio común de toda a humanidade.
Aliás, a FEG esixe a depuración das responsabilidades dos cargos públicos que están contribuíndo a esta falta de coordenación e tamén que a Administración galega, en cumprimento da lexislación vixente, aplique tamén CONTRA SÍ MESMA o réxime de sancións previsto no Título III da Lei 9/2001 de Conservación da Natureza.