Verdegaia enviou unha caixa con carbón ao presidente da Xunta, e outra ao Vicepresidente, para lles transmitir o seu descontentamento por a Xunta non ter presentado aínda un Plano Galego para a Redución das Emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI), incumprindo así os seus propios compromisos. Deste xeito, Verdegaia tamén protesta polo apoio da Xunta ás centrais térmicas de carbón, que en 2006 representaron o 37% das emisións totais de GEI. A Xunta non se está a tomar en serio o problema das alteracións climáticas.
Xunto cos paquetes con carbón, Verdegaia enviou a Emilio Pérez Touriño e a Anxo Quintana unha carta na que lamenta que o Goberno autonómico, "en tres anos, presente un balanzo moi negativo neste asunto. Ao noso ver, a súa inacción fronte á mudanza climática é un sinal de que a sustentabilidade segue sen ser un eixo central na acción da Xunta, pois a loita contra a mudanza climática é tamén unha oportunidade para avanzar cara á sustentabilidade. As políticas do seu Goberno e dos anteriores son corresponsables de que as emisións de GEI en Galicia teñan aumentado un 20,5 % entre 1990 e 2006, é dicir, máis alá do límite de aumento do 15% entre 1990 e 2008-2012 ao que se comprometeu o conxunto do Estado español no ámbito do acordo da UE-15 para o cumprimento do Protocolo de Quioto. A tendencia á diminución das emisións rexistrada entre 2004 e 2006 -que, polo que sabemos hoxe, todo indica que xa se reverteu no ano pasado- non se debe a medidas políticas propias da Xunta".Para cando un Plano Galego para a Reducion das Emisións de GEI?
Verdegaia salienta na carta que, cando só resta un ano de lexislatura, Galicia aínda non ten un Plano para a Redución das Emisións de GEI, a diferenza doutras comunidades autónomas."Malia ser un compromiso incluído no Acordo sobre bases programáticas para a acción da Xunta de Galicia, asinado por PSdG-PSOE e BNG; malia ter sido anunciada reiteradamente a súa presentación -e sucesivamente atrasada- desde o comezo da lexislatura por parte da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible; malia ter comezado xa o primeiro período de cumprimento (2008-2012) do Protocolo de Quioto; malia se ter comprometido a Xunta a promovelo antes do 1 de xaneiro de 2008, no ámbito da Estrategia Española de Cambio Climático y Energía Limpia. Horizonte 2007-2012-2020... Malia todo o anterior, a Xunta, baixo a coordenación da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, aínda non presentou un Plano Galego para a Redución das Emisións Galegas de GEI. Ao noso xuízo, este Plano tería que implicar a todo o Goberno autonómico e debería incluír un conxunto de medidas capaces de facer que o aumento das emisións de GEI no período 2008-2012 non superase o 15% a respecto de 1990 e atinxir no ano 2020 unha redución do 30%".Verdegaia recoñece algunhas accións da Xunta con implicacións positivas na redución das emisións de gases causantes da mudanza climática. Porén, estas non compensan as medidas do Goberno autonómico que contribúen ao aumento das emisións, como unha política enerxética que promove pouco o aforro e que apoia as centrais térmicas ou unha política desmesurada de construción de infraestruturas de transporte por estrada que favorecen aínda máis o uso do automóbil privado. De feito, é o transporte o sector no que máis medran as emisións, nada menos que un 100% entre 1990 e 2006.Decálogo de medidas para reducir as emisións de GEI desde Galicia Verdegaia presentou en febreiro un decálogo dirixido á Xunta con medidas para reducir as emisións de GEI de Galicia, que son moi elevadas en termos de emisións por habitante. Entre esas medidas, inclúense unha Lei contra a Mudanza Climática que estableza para Galicia obxectivos de redución das emisións de GEI, a creación dunha Secretaría Xeral de Loita contra o Cambio Climático, un ambicioso Programa de Aforro e Eficiencia Enerxética que procure unha diminución total, en termos absolutos, do 1% anual do consumo de enerxía até o 2012, ou limitar drasticamente a produción eléctrica con carbón, por exemplo, endurecendo o imposto autonómico sobre a contaminación atmosférica.