Alén desa unanimidade, PSdeG e BNG facilitaron a aprobación do ditame do Consello ao absterse.
"O Parlamento insta a Xunta de Galicia ao cumprimento de todas as recomendacións contidas no informe de fiscalización emitido polo Consello de Contas correspondente ao exercicio de 2004". Así di o texto que finalmente gañou este martes o consenso dos tres grupos parlamentarios. PPdeG, PSdeG e BNG botan así adiante unha proposta de resolución arredor do mesmo documento que orixinou un dos máis acendidos enfrontamentos na Cámara a conta da xestión realizada polo goberno Fraga coa Cidade da Cultura, froito das irregularidades detectadas polo Consello de Contas a conta do proxecto do Gaiás.
Ao respecto, socialistas e nacionalistas adicáranlle belixerantes críticas aos populares, e a comisión de investigación xurdida da análise do consello rematara nun conxunto de conclusións enviado á Fiscalía, co obxectivo de "evitar no futuro" posíbeis irregularidades como as atopadas neste caso. A ambigüidade da declaración sae apoiada despois dun proceso onde desde o PPdeG consideran que o Consello en ningún momento se referiu nese informe a ilegalidades e por outro lado, PSdeG e BNG consideran que o Goberno actual xa asumiu neste asunto as principais recomendacións realizadas pola institución, abrindo un proceso de participación e fomentando a transparencia na asignación dos recursos.
Por outra parte, o ditame ao informe de fiscalización do Consello de Contas referido a ese exercicio de 2004, foi así aprobado cos votos favorábeis do PPdeG, daquela á fronte do executivo, e a abstención do PSdeG e BNG. Mentres, ademais do caso antes mencionado, a unanimidade foi tamén posíbel nunha proposta de resolución que insta a Xunta "a seguir avanzando na reorientación da acción da administración autonómica cara aos resultados e á eficiencia, por medio do estabelecemento e o seguimento de indicadores en programas orzamentarios de gasto".
A maiores, as transaccións negociadas polos grupos parlamentarios, facilitaron dous pactos máis. Nun caso, o Parlamento insta o Goberno a colaborar con concellos e deputacións provinciais a través da Fegamp "para estabelecer todas as medidas que garantan a rendición de contas por parte das administracións locais e, singularmente, a prestación de asistencia técnica e a mellora da formación nos concellos de menos de 10 mil habitantes". Tamén, os grupos pídenlle ao executivo que impulse "unha política intensiva e extensiva de formación do persoal ao servizo da administración pública galega no eido das novas tecnoloxías".