A promesa de presentar o plan antes de que caduque a lei de medidas urxentes podería verse afectada polo probábel adianto electoral.
En maio de 2009 deixará de estar en vigor a chamada Lei de Medidas Urxentes en Materia de Ordenación do Territorio e do Litoral. Cara a esa data non había de momento previsión sobre o momento en que se introduciría unha nova normativa que evitase a posibilidade dun baleiro legal cando esa moratoria concluíse.
Agora, a Consellaría de Política Territorial, informa de que antes de que o cambio estará listo antes de que finalice esa medida preventiva que prohibiu construír a menos de 500 metros da liña do mar nos concellos que non adaptasen o seu Plan Xeral de Ordenación Municipal. De feito, só dous dos 86 municipios afectados pola lei de medidas urxentes, aprobaron os seus PXOM (Vigo e A Pobra do Caramiñal). A prohibición aféctalle a 1.200 quilómetros de costa e ao 13% da superficie total urbanizábel destes concellos costeiros, arredor de 300 mil hectáreas (o 1% do solo urbanizábel de toda Galiza).
Así e todo, a previsión de Política Territorial de ter listo o Plan do Litoral para o 17 de maio de 2009, cando expira a norma urxente, podería verse afectada polo previsíbel "adianto técnico" das eleccións ao mes de marzo.