Numerosos colectivos xuntáronse este domingo en Vigo contra o ladrillo, a especulación e a contaminación nunha das rías máis produtivas e fermosas de Galiza.
A rede de colectivos A Ría non se Vende convocou este domingo en Vigo unha manifestación para denunciar a destrución da Ría de Vigo e a súa contorna, unha das máis fermosas e produtivas de todo o país, por causa da especulación, o ladrillo e a contaminación.
A marcha xuntou, ao longo dos seus case catro quilómetros (da Praza da Estrela ao barrio de Bouzas), a colectivos como o Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol, Bouzas Móvete!, a Asociación pola Defensa do Parque Rosalía de Lugo, SOS Serra da Groba, Salvemos Monteferro, a Plataforma contra o TAV, Voces polo Litoral de Teis, Foro Social de Cangas... que saíran "á rúa pola ría", lembrando, un a un, os proxectos urbanísticos que están a estragar este espazo natural.
Ao terminar a manifestación, membros do colectivo A Ría non se Vende (formada por Agrupaçom de Montanha Augas Limpas AMAL, Bouzas Móvete!, Caleidoskopio, A Faísca, A Revolta, Foro Social de Cangas, G.A.S. Vigo, Luita Verde, OAR Redondela, Plataforma en Defensa da Illa de San Simón, Salvemos Monteferro, Verdegaia, SOS Serra da Groba e Voces polo litoral de Teis) lembraron os proxectos municipais (tamén houbo berros contra a xestión do alcalde vigués, Abel Caballero durante a marcha) contra os que protestan, entre eles o recheo do porto de Bouzas, a macrodepuradora do Río Lagares ou a ampliación do porto deportivo de Teis.
A plataforma convocante amosouse sorprendida pola resposta cidadá, e seu voceiro e tamén representante de Bouzas móvete!, Duarte Ferrín, quixo salientar que "unha participación tan contundente deixa claro que o que di Caballero de que conta co consenso da cidade non é verdade, e que a xente está en contra da ampliación do porto".
Velaquí podedes ver un vídeo realizado polo colectivo GZ Vídeos sobre a marcha