Coincidindo coa chegada de Portugal á final do Festival de Eurovisión, os lusistas divírtense no Centro Social O Pichel de Compostela.
Os reintegracionistas e lusistas celebran esta fin de semana a súa festa. O segundo Día do orgulho lusista e reintegrata e oitavio Día internacional da toalha terá, un ano máis, a cidade de Compostela, probabelmente a máis 'reintegrata' do mundo, como centro das celebracións.
Aínda que o día da toalla propiamente dito é o 25 de maio, cando se lle rende homenaxe ao escritor británico de ciencia-ficción Douglas Adams, a festa vai comezar xa este sábado 24 á noite. No Centro Social O Pichel, asistirase á final do Festival de Eurovisión, con especial atención á representante portuguesa, Vânia Fernandes, que conseguiu clasificarse esta quinta feira.
Amais diso, serviranse petiscos iberistas (tortilla española con pan e manteiga Mimosa) a prezos populares, e celebrarase o cásting para a nova formación musical A Década Reintegrata, cun xurado presidido polo célebre Carlos "Risto" Meixide.
E, ademais de moitas sorpresas, haberá un Karaokê panlusófono à moda do Manhattan con músicas de Caetano Veloso, Gilberto Gil, Chico Buarque, Adriana Calcanhotto, Quim Barreiros e Projecto Mourente, entre outros.
Xa o domingo, desenvolverase a xa tradicional mani-festa-ação ao mediodía (hora galego-portuguesa) na Alameda. Por suposto, todos con toalla.