O 25 de maio celébrase en todo o mundo o Día da Toalla. A efeméride creouse no 2001, días despois da morte de Douglas Adams, autor da Guía do autostopista galáctico, serial radiofónico de humor-ciencia-ficción, logo transformado en novela e despois en filme, onde a toalla era o elemento máis básico e útil para toda persoa que viaxase polo Universo adiante.
Ese mesmo día de 1977 estreábase
Star Wars (a guerra das galaxias), filme mítico da ciencia ficción. Un grupo de persoas, consideradas friquis polas súas peculiares afeccións, decidiu declarar o ano pasado o primeiro Día do Orgullo Friqui, con base en Madrid e que este venres chega á súa segunda edición. Versión galega Así, o Día do Orgullo Friqui non é máis ca unha adaptación hispana do Día da Toalla. Pero no noso país temos un friquismo propio que non existe en ningún outro lugar do mundo e que este ano organiza a súa primeira conmemoración: o Dia do Orgulho Lusista e Reintegrata, porque non se pode falar de toallas sen lembrar Portugal. Os reintegratas galegos están chamados a participar na festa, que se celebrará en Compostela, capital de Galiza e, probabelmente, tamén do reintegracionismo. Ás sete e media do serán, hora galego-portuguesa (unha hora menos no Reino de España) concentraranse na Praza do Pan, tamén coñecida como Praza de Cervantes. Por suposto, haberá que levar toalla. Unha hora e media máis tarde, comezará a festa no Centro Social do Pichel, onde se proxectará O guia do mochileiro das Galáxias, en versión orixinal con subtítulos en galego do Brasil.