Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
REUNIÓN NA MONCLOA

Ibarretxe mantén a data da consulta logo de fracasar a xuntanza con Zapatero

O presidente vasco acusa ao español de pensar só nas eleccións anticipadas. Zapatero vincula calquera acordo ao consenso entre todos os partidos.

Redacción - 14:30 20/05/2008

O agardado encontro entre o presidente vasco, Juan José Ibarretxe, e o español, José Luis Rodríguez Zapatero, serviu de pouco. Logo de máis de dúas horas de xuntanza, non houbo ningún tipo de acordo entre as dúas partes. Ibarretxe puxo enriba da mesa a consulta soberanista que propón que se celebre o vindeiro 25 de outubro, para logo negociar un novo marco dentro do Estado Español. Segundo Ibarretxe, o presidente español estivo en todo momento á defensiva e que só propón eleccións anticipadas como xeito de resolver a situación. O lehendakari subliñou que a súa intención era conseguir un pacto que acabase coa violencia de ETA e ao mesmo tempo contemplase o dereito a decidir do pobo vasco.

Pola súa parte, o presidente español sinalou que as “cousas quedaron claras”, en referencia á oposición total do Estado a unha consulta popular en Euskadi. Rodríguez  Zapatero sinalou que o seu goberno aposta por “consensos” nos que estean os partidos nacionalistas e as forzas estatalistas. Ademais tamén di que calquera acordo ten que respectar tamén a constitución española.

Aínda que Ibarretxe sinalou que deixa a porta aberta a novas conversas e que o acordo aínda é posíbel, mantén a data para o referendo. O presidente vasco é consicente de que a consulta non é vinculante pero si que sentará un importante precedente histórico dende un punto de vista “político, social e democrático”


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: