Comezan doce días intensos no que os equipos da LEB Ouro pelexan entre eles por subir á primeira categoría do baloncesto estatal. Os de Lugo xogan na casa, os de Compostela non.
Catro duelos espectaculares comezan na Adecco LEB Ouro; o premio: o ascenso á primeira liga estatal. Entre os aspirantes (con abondas posibilidades) dous equipos galegos: o Beirasar Rosalía e o Leite Río Breogán.
Foron nove meses seguidos de esforzos e suores que deixaron aos lugueses de cuartos e aos composteláns de oitavos na liga regular, mais agora hai que loitar polo ascenso e polo bo baloncesto.
Oito equipos, entre eles os dous galegos, comezan á tardiña, unha apaixonante viaxe cara a Final a Catro de Cáceres. Queda por ver que fan Breo e Rosalía nos seus primeiros partidos.
Bruesa GBC-Beirasar Rosalía
Os composteláns foron cualificados de equipo revelación da tempada, porque para eles non había rival grande, e porque sorprenderon a todos ao situárense de oitavos na loita por acompañar ao CAI Zaragoza no seu ascenso á ACB.
Agora aparecen, equilibrados, dando mostra da súa regularidade e forza. Aínda que esvararon un bocado na fase final da liga, chegan ao partido contra o Bruesa con forza. Os rivais non son fáciles. O Bruesa é un equipo compensado que leva un tempo preparándose, alén de física, mentalmente, para enfrontarse á serie de cuartos de final e aos 12 días decisivos que xa comezan. Unha das cousas máis salientábeis: o duelo Panko-Oleson.
Leite Río Breogán-Ciudad de La Laguna
O Breogán quere o Pazo dos Deportes cheo esta terza feira para o primeiro partido dos play-off contra o Ciudad de La Laguna; se cadra un dos duelos máis interesantes polas salientábeis diferencias que hai entre os dous equipos. Os lugueses son ordenados, traballan os ataques, que acostuman ser longos, cun ritmo sempre constante. Os de La Laguna son máis ben valentes, coa súa "traballada improvisación" acostuman romperlle os esquemas aos rivais e chegan a ser incómodos para os equipos que precisan orde na cancha.
Partido clave por ser o primeiro e porque se xoga en Lugo, cousa fundamental para os galegos, debido, sobre todo, á seguridade que demostra La Laguna na casa. Cada quen ten as súas estratexias arrancadas para esta tardiña.