Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONCELLO GOBERNADO POLO PSOE

Ósmase unha moción de censura en Calvos de Randín

Os socialistas acusan a Baltar de estar detrás da operación.

Redacción - 16:54 18/05/2008
Escudo do Concello

Escudo do Concello

O PSdeG-PSOE insta ao presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, a que "desmonte" o intento dunha moción de censura contra o alcalde socialista en Calvos de Randín (Ourense), que se realizaría a partir da petición dos actuais catro edís populares de pasar a ser concelleiros adscritos. A parlamentaria socialista e membro da dirección nacional do partido, Laura Seara, o senador Miguel Fidalgo e o alcalde do concello, Aquilino Valencia, denunciaron este domingo a "operación de piratería" e "perfectamente planificada desde o PP de Ourense" para, eludindo o pacto antitransfuguismo, facerse co Goberno local deste municipio.

En Calvos de Randín o PSdeG-PSOE fíxose coa maioría absoluta nas últimas municipais, ao lograr cinco edís, fronte aos catro do PP. Os socialistas sospeitan que a próxima semana podería materializarse a moción de censura, unha vez que Andrade pediu o pasado 26 de marzo a súa acta como concelleiro adscrito á marxe do grupo socialista e, onte mesmo, fixérono os catro edís do PP.

Os socialistas ourensáns entenden que se prepara "unha operación masiva de transfuguismo", que está "avalada" polo PP e contra a vontade dos cidadáns do municipio. Aseguran que tres dos edís populares que pediron desvincularse do grupo municipal dese partido son persoas "activas" neste partido: dous ex alcaldes, Antonio Rodríguez e Antonio López e a filla do primeiro e dirixente popular no municipio, Sandra Rodríguez. O PSdeG-PSOE sospeita que o PP de Ourense e o propio Baltar, nunha demostración de "cinismo político", van condenar esta operación, pero aseguran que "non valen as palabras" e instan a Feijóo a que "se ten autoridade" sobre o seu partido "desmantele" esta operación que evita cumprir co pacto antitransfuguismo.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: