O texto que lle enviarán a semana que vén ás agrupacións locais non mencionará a organización provincial.
"Non vai haber ningún problema", aseguroulle un dirixente socialista a Europa Press, en relación ás controversias e tensións que puidesen xerar no seo da formación este debate, que así queda aprazado até a celebración do Congreso federal, a primeira fin de semana de xullo.
Porén, fontes da dirección socialista admiten que deberá existir unha negociación entre a dirección do partido en Galiza e a do PSOE en Madrid para chegar a unha fórmula que satisfaga a todos. Nese sentido, prevén que se produza "unha modulación da aplicación" do relatorio estatal para "axustala ás necesidades dos territorios" que aínda non contan cunha organización provincial, como é o caso de Galiza.
O problema xorde da oposición do propio secretario xeral do PsdeG, Emilio Pérez Touriño, ao modelo proxectado no relatorio marco estatal presentado polo secretario de Organización do PSOE, Xosé Blanco. Ese modelo estabelece que o partido "creará estruturas provinciais en todos aqueles territorios onde non existen na actualidade". Agora mesmo só Galiza e a Comunidade Valenciana carecen desa estrutura interna no PSOE.
No entanto, fontes socialistas confirman que existe "unha corrente de fondo potente" a favor da celebración de congresos provinciais e din estar convencidos de que malia a resistencia de Touriño, a proposta será aprobada. Para evitalo alguén debería presentar unha emenda ao relatorio federal e sería moi complicado que saíse adiante sen o apoio da dirección.