Con esta iniciativa, Cepesca quere mostrar o seu descontento coas medidas propostas polo Goberno estatal para frear a crise do sector.
"Moi insuficientes e negativas" así é como define Cepesca as medidas que o Goberno estatal está a levar a cabo para tratar de resolver a crise que está a afectar ao sector pesqueiro. Como resposta e chamada de atención, a patronal pesqueira decidiu por unanimidade na súa asemblea permanente convocar durante toda unha semana de xuño o amarre da flota. En caso de que non se tomen medidas, o amarre pode converterse en indefinido, a partir da última semana dese mes.
Con esta medida, Cepesca quere retomar a concentración que se aprazou en xaneiro, aínda que non se arrepinten xa que "tiñamos a obriga de facer o que fixemos: presentar propostas, dar un tempo para que contestasen e agora, que vemos que as medidas son insuficientes, preparar a nosa resposta", segundo indicou o secretario xeral da organización, Javier Garat.
A patronal analizou as propostas presentadas pola Secretaría Xeral do Mar nun escrito remitido ao presidente da organización que insiste nas iniciativas acordadas en xaneiro deste ano. A postura do Executivo resúmese na necesidade de controlar as importacións ilegais de pesca, a posta en marcha de novas directrices para as axudas de Estado e a comunicación de que as subvencións de mínimos xa foron abonadas por parte de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Andalucía e Murcia.