Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Manifestación en Compostela

O sector pesqueiro protesta por unha crise que se "pretende invisibilizar"

"Só recibimos axudas para despezar os barcos", quéixanse os armadores, promotores dunha mobilización en denuncia polo "grave" descenso nos beneficios.

Redacción - 13:50 07/05/2008

"Cada vez é maior o número de barcos que se ven na obriga de quedar amarrados no peirao", láianse desde a Plataforma en Defensa do Sector Pesqueiro, colectivo recentemente creado en Burela e ao que xa se adscribiron representantes de numerosos portos do país. A lista de queixas polas que se convocou a manifestación deste mércores en Santiago, diante da consellaría de Pesca, inclúe o aumento dos gastos para carnada, víveres, combustíbel e salarios, problemas para completar tripulacións e o recorte de beneficios pola venda do peixe. Advirten tamén do descontrol sobre a importación de peixe estranxeiro "a prezos ínfimos". "O noso peixe non se quere", din, ao tempo que aseguran que as cotizacións en lonxa apenas subiron en vinte anos.

"Os consumidores pagan máis e os intermediarios teñen unha marxe de beneficio que queren seguir mantendo malia as subas que lles afectan a eles, polo que mercan máis baixo", denuncian, "Os únicos que imos á quebra somos os pescadores". Avisan de que a crise estalle afectando xa a milleiros de familias e recordan que son moitas as vilas que medraron e se desenvolveron grazas á pesca "e que a día de hoxe seguen a vivir case exclusivamente dela".

O PP acusa a conselleira de "fuxir" a Bruxelas
"Carme Gallego decantouse pola estratexia dos covardes, escapando de Santiago á busca dunha foto en Bruxelas coa que tentar distraer a atención sobre a difícil situación que atravesa a pesca en Galiza", criticaba este martes Xosé Manuel Balseiro, voceiro do PPdeG en materia de Pesca. En referencia á visita programada pola consellaría para este mércores a Bruxelas, onde a conselleira Carme Gallego se entrevista co director xeral de Pesca da UE, Balseiro opina que se trata dunha "fuxida" para "non dar a cara diante dos manifestantes". O PP opina que a "intransixencia" dos grupos que apoian o Goberno "impediu sacar adiante propostas de apoio ao sector".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: