Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Axudas públicas da Xunta aos comercios

O Parlamento aproba, coa oposición do PPdeG, implicar as empresas no uso do galego

Os 'populares' defenden o seu "galeguismo aberto, cordial e integrador", xa que "abraza a lingua e non a afoga".

Redacción - 18:31 14/05/2008
Bieito Lobeira

Bieito Lobeira

O Parlamento aprobou esta cuarta feira, cos votos a favor dos deputados do PSdeG e do BNG e co rexeitamento do PPdeG, unha iniciativa en que lle reclama ao Goberno que incorpore "a implicación das empresas no uso do galego" como un criterio na concesión de axudas públicas aos comercios ou dos contratos destes coa Administración.

Nesa liña, a Cámara tamén reclama que en todas as axudas se introduza "unha cláusula de promoción do galego". Asemade, a proposición aposta por incentivar a rotulación interior e exterior en galego e por fomentar o desenvolvemento de accións de información e asesoramento dirixidas a comerciantes, asociacións e entidades do sector.
O deputado do BNG Bieito Lobeira, promotor da iniciativa, considerou que "é obriga dos poderes públicos actuar en defensa dos dereitos lingüísticos" e arremeteu contra o PPdeG porque, segundo el, as emendas que presentou, e que non foron aceptadas, "rebaixan os contidos" previstos no Plan de Normalización Lingüística.

"Nada por debaixo do Plan de Normalización"

"Nada por debaixo do Plan de Normalización", advertiu Lobeira. Ademais, acusou os populares de ser "reféns" de determinados medios de comunicación e denunciou que coa súa actitude non van contra os nacionalismos, senón que "combaten a identidade do país".

Pola súa banda, o deputado do PSdeG Francisco Cerviño salientou que o obxectivo da iniciativa, con emendas dos socialistas, é "incentivar a voluntariedade, nunca sancionar". Así, avogou por garantir os dereitos dos que queiran vivir en galego, porque "os que queren vivir en castelán non teñen dificultades". Tanto Cerviño como Lobeira acusaron os populares de romper o consenso en materia lingüística.

Porén, o deputado do PPdeG Maximino Rodríguez destacou que a súa formación é partidaria das axudas para o uso do galego, tras o cal xustificou a súa decisión de votar en contra en que debe tamén se garantir que os comerciantes poidan rotular os estabelecementos no idioma que consideren máis axeitado aos seus intereses.

"Contraproducente Alarmismo" sobre a situación do galego

Finalmente, avisou de que o "alarmismo" sobre a situación do galego "vólvese contraproducente", e defendeu o "galeguismo aberto, cordial e integrador" do PPdeG, xa que "abraza a lingua e non a afoga".


5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: