O presidente do goberno español asegura que se vai manter para Galiza o 8% dos investimentos do Estado en infraestruturas.
A inxección do 8% dos investimentos que en materia de infraestruturas realice o goberno español a nivel estatal, porcentaxe que se veu aplicando os tres últimos anos, é un dos compromisos principais no que lle toca a Galiza, do escoitado este martes no Senado.
O presidente do executivo estatal, José Luís Rodríguez Zapatero, recoñeceu tamén que criterios como a dispersión territorial e o envellecemento, serán variábeis fundamentais á hora de negociar os novos modelos de financiamento autonómico. Trátase de factores nos que os tres grupos parlamentarios galegos están de acordo en que son imprescindíbeis.
Con todo, Zapatero non debullou apenas a estratexia específica que o goberno español aplicará ao respecto desta negociación, nas primeiras planas durante as últimas semanas. Así, limitouse a falar de consideracións globais no mesmo sentido en que xa o tiña realizado noutra ocasións, referíndose á "necesidade de mellorar a solidariedade" e garantir o "desenvolvemento equilibrado" no conxunto do Estado. Así, resumiu a súa posición indicando que o modelo final garantirá a "suficiencia" de Estado e comunidades autónomas e a "solidariedade equitativa".
Por outro lado, o voceiro do grupo do PP no Senado, Pío García Escudero, acusou o actual goberno español de "rachar" o consenso sobre o asunto e converter nun "sudoku" o debate ao respecto. "Nin os gobernos socialistas se poñen de acordo en como facelo", criticou Escudero.
Pérez Bouza confía en que o Senado pase a representar "as diferentes nacións e rexións do Estado"
Na súa estrea na tribuna de oradores da Cámara Alta, Xosé Manuel Pérez Bouza, senador do BNG, iniciou en galego a súa intervención para pasar a expresar a "predisposición do BNG ao diálogo". O senador ourensán citou como prioridades do Bloque para estre treito a execución das grandes infraestruturas viarias, o apoio a sectores produtivos básicos, as medidas de rexeneración democrática (reforma da lei electoral) e o aumento do nivel de autogoberno en Galiza, subliñando a necesidade da aceleración do traspaso de novas competencias, que na súa opinión "acumula un retraso exclusivo".
"A miña idea de Estado español é a dun estado plurinacional, plurilingüe e pluricultural, avanzado socialmente, comprometido co medio ambiente, o pacifismo e a cooperación internacional", expresou o nacionalista, destacando a confianza da súa formación en que esta poida ser á fin a lexislatura da reforma do Senado para convertelo nunha cámara que represente "as diferentes nacións e rexións do Estado" .