Xa rectificaron cinco dos oito alcaldes que acudiran á conferencia de prensa á que os convocara a dirección do PPdeG.
A Vicepresidencia da Xunta recibiu este luns cadansúa carta de Raúl Emilio Castro, rexedor no Concello de As Neves e Plácido Álvarez, alcalde no Concello de Muíños. Nas misivas, os rexedores desmárcanse da posición argumentada pola dirección do PpdeG, desde onde falan de mafia e coaccións aos municipios, e solicítanlle ao Goberno que non rescinda o convenio asinado anteriormente cos seus respectivos concellos.
Deste xeito, son xa cinco dos oito alcaldes aos que o PPdeG convocara para faceren a fotografía conxunta durante a conferencia de prensa do secretario xeral, Alfonso Rueda, criticando publicamente o convenio estabelecido para a adhesión das escolas infantís municipais á rede de galescolas. Polo momento, só os alcaldes de Lousame, Riós e O Pino non se distanciaron aínda da posición esgrimida pola dirección do seu partido.
O PPdeG teima en ver "ameazas aos alcaldes"
Este luns era o voceiro do grupo parlamentario do PpdeG, Manuel Ruíz Rivas, quen zoupaba contra a Xunta, asegurando que "a vicepresidencia nacionalista obrígalle aos rexedores a elixiren entre ter garantidos determinados investimentos a cambio de ceder o control político ou estaren afectados polo frío permanente sen proxectos de ningún tipo".
Na opinión de Ruíz Rivas, a Xunta está reducindo as convocatorias de subvencións para converter os convenios "nunha das únicas vías das administracións locais para accederen a recursos financeiros no ámbito social". Ao tempo, Ruíz Rivas considera que o Goberno "manipulou as cartas que lle enviaron recentemente os alcaldes". Segundo o voceiro do PP, "o rexedor de Antas de Ulla trataba de demostrarlle a Quintana que non existen razóns para que este se sinta insultado, mantén todalas afirmacións que fixo e descúlpase polas formas pero non polo fondo".