Por outra banda, o presidente do Comité Olímpico de Portugal cualifica de "oportunistas" os que defenden o boicot a Beixín 2008.
A Policía apagou as lapas
O facho olímpico rematou este domingo o seu percorrido por Seúl, que ao igual que noutras cidades, estivo marcado polos incidentes. Nesta ocasión, dous norcoreanos membros dunha organización defensora dos dereitos humanos, tentaron prenderse lume, mais a Policía evitouno.
Tamén, aos poucos minutos de comezado o percorrido, producíronse choques entre unha multitude formada principalmente por estudantes chineses e outra por manifestantes pro tibetanos.
As autoridades locais mobilizaron máis de 8.000 axentes para protexer os portadores do facho olímpico, que á última hora deste domingo viaxou cara a Pyongyang, capital de Corea do Norte, onde non se espera que se produzan protestas como as organizadas noutras cidades.
"Oportunistas"
Por outra banda, o presidente do Comité Olímpico de Portugal (COP), Vicente Moura, cualificou de "oportunistas" os que defenden un boicot aos Xogos Olímpicos de Beixín 2008, en protesta polo conflito no Tíbet e pola situación dos dereitos humanos na China.
"Un boicot aos Xogos vai prexudicar naturalmente a República Popular da China, mais tamén ao pobo chinés, xa que o país se fechará aínda máis e a poboación non terá oportunidade de convivir con outras realidades", afirmou Moura nunha entrevista á axencia Lusa.