Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En San Francisco, EUA

Desmond Tutu e Richard Gere, a cabeza da protesta contra o facho

Mentres, o COI organiza unha xuntanza na que, esta sexta feira, se ha decidir se se suspende ou non o percorrido do lume olímpico.

Redacción - 10:50 09/04/2008

Xa dende esta terza feira a seguridade foise reforzando en San Francisco, na súa ponte, o Golden Gate, e na contorna da única cidade dos EUA pola que ía pasar o facho olímpico: a policía preparábase para as protestas masivas que agardaban, despois das de Londres e París.

De feito o facho, que ía percorrer a Baía da cidade a cuarta feira a partir das 14:00 horas, levaba toda unha noite gardado nun lugar segredo. Era tanta a certeza de que ía haber protestas que até algún dos portadores do lume olímpico decidiu abandonar, "por razóns de seguridade".

Organizando as protestas
Pouco despois de ter chegado o facho á cidade, os activistas polos dereitos humanos no Tíbet e na China mobilizáronse ante o consulado chinés pedindo a fin do control sobre a rexión tibetana. Ao tempo, a poucos quilómetros de distancia de Chinatown, os líderes da comunidade chinesa en San Francisco, desenvolveron unha conferencia de prensa pedindo un percorrido pacífico do lume olímpico, amosándose orgullosos de que China fose seleccionada para organizar e acoller os Xogos de verán.

Tamén na mesma hora, mais en Beixín, o presidente do COI, Jacques Rogge, aseguraba que a Xunta Directiva do organismo vai decidir esta sexta feira se se suspende o percorrido do facho olímpico, a causa das mobilizacións que hai organizadas. "Recoñecemos o dereito da xente a protestar e expresar as súas opinións, pero debe ser de xeito non violento. Estamos moi tristes, sobre todo pola situación que están vivindo os atletas e moita xente que agarda moito do percorrido do facho e que botou a perder a súa alegría", dixo Rogge.

As protestas, protagonizadas por Richard Gere e Desmond Tutu
Na praza do concello de San Francisco xuntáronse unha chea de activistas polos dereitos humanos, capitaneados polo arcebispo e premio Nobel da Paz, Desmond Tutu, e o actor Richard Gere, entre bandeiras do Tíbet. Despois marcharon até o consulado chinés, e xa de noite, organizouse unha xuntanza con candeas.

No seu discurso, Desmond Tutu chamou ao presidente Bush e a outros xefes de Estado a boicotear a cerimonia de apertura de Beixín.

E mentres, na China

Na China algunhas webs e blogs rebeláronse contra o tratamento que fixeron os medios occidentais das protestas do Tíbet. Por exemplo, a web Anti-CNN amosa como algunhas noticias e fotografías foron, segundo contan, manipuladas.
Ademais, algúns intelectuais chineses pronunciáronse publicamente a favor do seu goberno. O escritor Jiang Rong, que pasou ano e medio no cárcere polo acontecido en Tiananmen, e que aínda ten prohibido saír do país, dixo que os países occidentais deberan ser máis comprensivos coa China, que se vai abrindo paseniño á democracia, aínda que fai falta máis tempo. Tamén aproveitou para criticar o movemento independentista tibetano.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: