Touriño avisa de que o repartimento de cartos debe acordarse de modo multilateral e non en comisións a dous.
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, advertiu esta quinta feira que o novo financiamento autonómico se debe resolver nun foro multilateral e considerou que esta premisa é "inescusábel, obrigada e determinante". Xa que logo, rexeitou que Galiza ou Cataluña participen en comisións a dous co goberno español para resolver esta negociación.
Ademais, preguntado pola proposta do vicepresidente, Anxo Quintana, de reformar a comisión bilateral co executivo de José Luis Rodríguez Zapatero, Touriño enmarcouna na "folla de ruta" do seu Gabinete e confirmou que está na súa "axenda de traballo" para os vindeiros meses.
No entanto, sen ser consultado por iso, ligou esta cuestión co financiamento autonómico e remarcou en varias ocasións que se debe chegar ao acordo entre todas as comunidades e a Administración do Estado, nas reunións do Consello de Política Financeira.
Diferenzas co modelo defendido por Cataluña
En calquera caso, confirmou contactos con comunidades como Asturias, Castela e León e Estremadura para fixar unha posición común contrastada á dos territorios máis ricos, como Cataluña ou Valencia, aínda que asegurou que non se trata dunha "fronte".
Touriño incidiu, porén, en que os posicionamentos non se deben definir a partir de ideoloxías nin de cuestións identitarias, e esgrimiu o exemplo catalán. "Non podemos coincidir con eles por moito que compartamos", en canto á unha identidade diferenciada dentro do Estado, aseverou.