O vicepresidente da Xunta chama a dar un paso que sitúe esta ferramenta "ao nivel de Euskadi e Cataluña".
A proposta vaille ser achegada a todos os grupos parlamentarios, co obxectivo de proceder á modificación do regulamento da Comisión Bilateral de Cooperación. Quintana cualificou esta iniciativa como un dos "grandes consensos" que na súa opinión serán imprescindíbeis para "fortalecer a posición de Galiza como país".
O vicepresidente recordou que Euskadi e Cataluña xa contan con ese instrumento e defendeu a súa utilidade á hora de facer seguimento das infraestruturas, "no mellor sentido da colaboración, e non da fiscalización", e tamén como forma de tratar conxuntamente co Estado os retos que veñen "diante da nova situación económica", ademais de poder acordar propostas comúns "ante temas como o do financiamento autonómico".
O proxecto foi anunciado por Anxo Quintana en resposta a unha pregunta do PP sobre a designación de Magdalena Álvarez como titular de Fomento. Ao respecto, sostivo Quintana que a súa misión é facer posíbel "a mellor colaboración institucional co novo executivo estatal". De paso, reprochoulles aos populares que "só se acordan do Plan Galiza para facer propaganda", malia que o seu líder, Mariano Rajoy, esquece os compromisos con Galiza cando ten oportunidade de facelos.
O PPdeG pedía que Salgado substituíse a Álvarez como interlocutora
O voceiro de infraestruturas do PPdeG, Alexandre Gómez Alonso, expuxo a posición do seu partido a prol dunha comisión mixta Xunta-goberno español, que avaliase o estado das obras públicas pendentes de executar en Galiza. Entenden os populares que é posíbel un pacto "no que se concreten as datas de posta en servizo dos trazados de autovía e alta velocidade ferroviaria que permanecen sen executar". Iso si, solicitan que fronte ao que consideran "o antecedente da discriminación á que a ministra de Fomento sumiu a Galiza", a ministra Magdalena Álvarez debera ser substituída nesa comisión pola titular de Administracións Públicas, a galega Elena Salgado.