Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Campaña da Universidade de Vigo

A educación plurilingüe: todo vantaxes

En defensa do decreto sobre o ensino da lingua, ponse en marcha un proxecto que explicará en todo o país as vantaxes do plurilingüismo.

Redacción - 12:15 23/04/2008

"As medidas implantadas até o de agora para favorecer o bilingüismo harmónico foron un fracaso", reflexionaba este martes Henrique Costas, responsábel de Normalización Linguística da Universidade de Vigo. Fronte a iso, os promotores deste proxecto confían en que o recente decreto sobre a lingua "corrixirá ese rumbo equivocado". A campaña deseñada pola institución vaille ofrecer charlas divulgativas a centros de ensino de primaria e secundaria, docentes, asociacións de pais e nais e colectivos diversos. O obxectivo é explicar polo miúdo as vantaxes do plurilingüismo na educación.

Os expertos debullarán de forma sinxela os argumentos cognitivos e neuro-lingüísticos nos que se basea o ensino plurilingüe. Destacarán ademais as vantaxes "comunicativas, emocionais, identitarias, culturais, económicas, laborais, cognitivas e educativas". Unha iniciativa que ademais se basea na experiencia de "case cen anos de programas de educación plurilingüe nos cinco continentes". Parte ademais co lema "quen sabe galego sabe máis", segundo explicou Iván Area, vicerreitor da institución.

Galiza pode aproveitar unha situación de privilexio
"Quen é competente en galego e castelán, aparte de posuír unha destreza maior en capacidades cognitivas e neuro-lingüísticas, ten a porta aberta a unha máis doada competencia nas linguas e coñecementos que se propoña", sinalan, "este decreto proporciona a chave desa porta: ábrea", aseguran.

"Sabéndomos galego, cun mínimo esforzo chegamos a ser competentes en portugués, lingua falada por 250 millóns de persoas en catro continentes, e con poucas horas de aprendizaxe accedemos doadamente a unha mínima competencia noutras linguas da familia románica: italiano, catalán, sardo, francés, romanés...", subliñan no guieiro de presentación do proxecto.

Recordan ademais, que o proxecto deseñado pola Xunta bebe de modelos postos en marcha anteriormente "tanto nos estados máis avanzados do mundo", caso de Canadá, Finlandia, Suecia, Reino Unido, Italia, EEUU, Alemaña, Holanda, "como en economías emerxentes", como son Singapur, Malaisia, Indonesia, China ou a India.

Recomendámoslles a web deseñada ao respecto pola Universidade de Vigo: Europa é plurilingüe: quen sabe galego sabe máis

A iniciativa ten inicialmente o apoio dos Concellos de Vigo, Ourense e Pontevedra, ademais das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña. Está aberto aberto a máis adhesións, e municipios como o de Nigrán, Tomiño, Redondela ou Moaña, xa manifestaron o seu interese por sumarse ao proxecto.


4,88/5 (32 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: