Con pouco optimismo desde a delegación saharauí comezaron nos Estados Unidos esta semana os encontros entre Marrocos e a Fronte Polisario.
Estados Unidos fora tamén o escenario onde cadansúa delegación se reunira a última vez, hai xa unha década, 1997, para tratar de buscar a solución ao conflito. A perspectiva non semella máis optimista desta volta. Saharauís e marroquís responden á chamada do Consello de Seguridade das Nacións Unidas a negociar "sen condicións previas".
Marrocos permanece inflexíbel na ocupación dos territorios saharauís e asegura a estar disposto a un avance cara á autonomía para o Sáhara sempre e cando manteña a soberanía sobre a zona. A Fronte Polisario considera inaceptábel ese estremo e acusa aos marroquís de non levar "ningunha nova proposta" á xuntanza, insistindo en que calquera plan de referendo debe ir máis aló da autonomía. Xa que logo, os saharauís estarían dispostos a negociar condicións de "privilexio" nas relacións entre Marrocos e a República Saharauí, pero sempre na convicción de que o pobo debe poder escoller a opción da independencia nesa consulta.