Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Aprobada malia a oposición do PSOE

O Congreso xa reclamara hai nove meses protección para os pesqueiros

Desde o PNV, promotores da iniciativa aprobada na Cámara Baixa, critican a "lixeireza" do executivo estatal ao non adoptar as medidas "preventivas" demandadas.

Redacción - 09:00 22/04/2008

O Congreso aprobara o pasado 5 de xullo unha iniciativa achegada polo PNV na que se instaba ao goberno español a despregar unha patrulleira ou unha fragata, con apoio dun helicóptero, no contorno das 200 millas de Somalia. A proposta, que saíu adiante malia a oposición dos deputados do PSOE, tiña o obxectivo de protexer os pesqueiros naquelas augas, especialmente durante os meses de agosto, setembro e outubro, cando hai unha maior presencia da flota atuneira na zona.

Un ano antes, o executivo español xa prometera, a través do ministerio de Asuntos Exteriores, en resposta daquela a unha pregunta dun senador do PNV, Vïctor Bravo, que estudaba "se fose necesario, o envío dunha fragata cun helicóptero para atender a protección e seguridade dos buques e barcos pesqueiros". Con todo, o ministro, Miguel Ángel Moratinos, trasladaba a cuestión ao ámbito dos "acordos" que supostamente o seu equipo estaría a negociar con outros países con buques na zona.

Contactos coa UE e coa Unión Africana
Desde o goberno español aseguraban a última hora do luns que se mantiñan activos "todos os esforzos diplomáticos" para lograr a liberación dos 26 mariñeiros, oito deles galegos, que compón a tripulación do atuneiro vasco 'Playa de Bakio', secuestrado por piratas cando navegaba a 230 millas da costa de Somalia.

O ministro de Asuntos Exteriores e de Cooperación, Miguel Ángel Moratinos, mantivo durante o luns conversacións telefónicas co presidente da Comisión Europea, José Manuel Durao Barroso, e co Alto Representante da Unión Europea para a Política Exterior e de Seguridade, Javier Solana, así como coa Secretaría Xeral da Unión Africana, para buscar conxuntamente solucións ao secuestro do pesqueiro. Por outro lado, confirmáronse tamén os contactos militares e diplomáticos con Francia, Reino Unido e outros países con presenza militar na zona.

A Xunta considera que o goberno estatal actúa con "celeridade" e "eficacia"
A conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carme Gallego, informou de que o goberno español está a traballar con "celeridade e eficacia" para que o secuestro do atuneiro conxelador 'Playa de Bakio' se resolva "favorábel" e "satisfactoriamente". Na procura desa "mellor solución posíbel" para os tripulanrs, Carme Gallego asegurou que o executivo estatal está a levar a cabo a través da vía diplomática e "demais canles que ten ao seu alcance" xunto aos demais países que operan na zona, "todo o que está na súa man" para conseguir esta resolución "satisfactoria". Por outra parte, Gallego informou de que o Goberno xa contactou con todas as familias dos mariñeiros galegos, agás unha que aínda non fora localizada a última hora do luns.

O BNG pide medidas "urxentes" para o amparo da flota
O voceiro de Pesca do grupo parlamentario do BNG, Bieito Lobeira, rexistrou unha iniciativa onde non só se interesa polo secuestro do atuneiro, senón que tamén pregunta polas previsións de protección da flota galega en Somalia. Lobeira recorda que o sector levaba meses denunciando a desprotección que padecen ante este tipo de ataques, perpetrados por embarcacións camufladas.

"O propio BNG no Parlamento galego presentou iniciativas en apoio desta flota nese mesmo caladeiro sen que lamentablemente fosen atendidas", queixouse. Por este motivo, o deputado insistiu na urxencia de adoptar medidas prácticas para a "efectiva defensa e amparo" ante esta situación, ademais de garantir a liberación dos tripulantes do Playa de Bakio.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: