O certame, dirixido a estudantes de galego ou portugués nos territorios de fala catalá, conta cun primeiro premio de mil euros.
O Lectorado de Galego da Universitat Autònoma de Barcelona, o Instituto Camões de Barcelona e mais o Espazo Galego dos Països Catalans organizan a II edición do concurso literario Contos no Mediterráneo, dirixido a aquelas persoas que estudaron ou están a estudar galego ou portugués nalgún dos territorios de fala catalá.
Consta de dúas categorías con tres premios dada unha. A Categoría A, para menores de 18 anos, ten un primeiro premio consistente nun iPod nano e un lote de música, libros e camisolas; e a Categoría B, para maiores de 18 anos, está dotado cun primeiro premio de 1.000 euros. Para participar cómpre presentar un relato escrito en galego ou en portugués cunha extensión de entre 1.000 e 2.500 palabras. Na categoría de menores de 18 anos, alén de relatos, tamén se poden presentar poemas ou banda deseñada.
Neste concurso hai total liberdade de escolla na opción normativa dos textos presentados e, como vai dirixido a persoas que estudaron ou aínda están a estudar galego ou portugués, na valoración dos textos darase prioridade á calidade e á creatividade literaria por riba da corrección lingüística.
O prazo de presentación de orixinais remata o 5 de maio e o acto de entrega dos premios será o 30 de maio no Centro Galego de Barcelona. Pódense descargar as bases completas e as follas de inscrición na web da II edición de Contos no Mediterráneo.
Os textos premiados serán publicados en Vieiros Barcelona. Nos vindeiros días publicaranse aquí os textos gañadores no primeiro certame do ano pasado.
II Edición do Certame Literario Contos no Mediterráneo
Prazo de entrega: 5 de maio de 2008
Organiza: Lectorado de Galego da Universitat Autònoma de Barcelona | Instituto Camões | Espazo Galego dos Països Catalans
Colabora: Rede.cat | Maio Cultural Galego
Patrocinan: Centro Galego de Barcelona, Sargadelos, Casa Darío, Instituto Camões, Edicións Xerais, A Nosa Terra, Edicións Laiovento, Obradoiro, OQO Editora, Secretaría Xeral de Política Lingüística, Consellería de Cultura e Deporte, Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural.