Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Probábel candidatura única

Malestar no PP coruñés polo acceso de Carlos Negreira á presidencia sen debate interno

Satisfacción entre rexedores da provincia pola saída de Juncal do cargo, pero desacougo pola elección realizada pola dirección do PPdeG.

Redacción - 10:30 18/04/2008
Carlos Negreira

Carlos Negreira

Adolfo Gacio, actual rexedor de Boqueixón, parecía o chamado a calmar as augas revoltas do PP coruñés, despois dunha etapa de enfrontamentos co ex alcalde ferrolán, Juan Juncal, á fronte. Hai poucos meses, Gacio aparecía como o mellor colocado na carreira polo relevo á fronte do partido na provincia, toda vez que a insostíbel situación precipitada por Juncal levou á dirección do partido a asignarlle un posto na lista do Senado para acelerar a súa saída do primeiro plano.

Paradoxalmente, e sabedor deses movementos, o propio Juncal realizaba declaracións hai tempo facendo públicas as súas propias predileccións para o posto, e citando o nome do voceiro municipal na Coruña do PPdeG, Carlos Negreira. Este mesmo xoves volveuno postular para o cargo, cualificándoo como "o mellor candidato" para a sucesión. O propio Gacio admitía tamén que a aposta do partido por Negreira bloquea as súas propias posibilidades. "Son amigo de Carlos, sei da súa valía e non lle vou facer fronte", dixo Gacio. En declaracións para Europa Press, o rexedor de Boqueixón explicou que os actuais sectores críticos do PP coruñés "non teñen capacidade para organizarse" polo que será improbábel que apareza unha candidatura alternativa a Negreira no congreso provincial que o PPdeG organizará a finais de maio.

Por outro lado, hai coincidencia entre os rexedores populares sobre a satisfacción pola marcha de Juncal. "Non había alcalde en toda a provincia que o quixese", comentou ao respecto un alcalde do interior da provincia, laiándose da actitude mantida por Juncal durante o tempo que leva no posto.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: