Segundo relatou unha fonte anónima da CIA a ABC News, estarían implicados Dick Cheney e Condoleezza Rice, entre outros.
Cheney e Rice participaron nas reunións
Funcionarios do máis alto rango do goberno de Estados Unidos, entre estes o vicepresidente Dick Cheney, aprobaron persoalmente aplicar torturas a prisioneiros para obter información, segundo revelou a canle de televisión estadounidense ABC News e confirmou a axencia de noticias Associated Press.
Nos anos inmediatamente posteriores aos ataques do 11-S, membros da administración republicana déronlle luz verde á utilización de técnicas de interrogatorio ilegais como o afogamento simulado (waterboarding, en inglés). Os funcionarios eran todos membros do Comité Principal do Consello de Seguridade Nacional (NSC).
Ademais de Cheney, sancionaron a medida a secretaria de Estado, Condoleezza Rice, e o seu antecesor, Colin Powell, o ex xefe do Pentágono Donald Rumsfeld e o director da Axencia Central de Intelixencia (CIA), George Tenet, así como tamén o fiscal xeral, John Ashcroft.
Bush, aparte
Precisamente este último foi un dos que se mostrou máis preocupado nas xuntanzas -das que, segundo esta mesma información, George Bush permaneceu apartado- onde se aprobou a medida, malia confirmar que os métodos de interrogatorio eran legais. "Por que estamos a falar disto na Casa Branca?", citou ABC News. "A Historia non xulgará isto con consideración", engadiu Ashcroft.