Unha vez que a Mesa do Parlamento comprobe a proposta, EU disporá de catro meses para acadar 15 mil sinaturas que permitan que se debata no pleno a redución dende o 5%.
En 1992 Manuel Fraga modificou a Lei Electoral galega de 1985, elevando o límite provincial mínimo para acadar representación dende o 3% ao 5%. Naquel momento a decisión interpretouse como unha manobra para eliminar definitivamente aos partidos de centro dereita que competían polo mesmo espazo electoral, como Coalición Galega, e para evitar as tentacións de crear novos partidos nese lugar. Tanto o PSdeG coma o BNG criticaron en 1992 a reforma da barreira electoral. Hoxendía Galiza é a única Comunidade Autónoma que mantén un límite tan alto, xunto coa Comunidade Valenciana.
Esquerda Unida quere reducir esa barreira e deixala novamente no tres por cento, e este xoves deu o primeiro paso: rexistrou no Parlamento unha Iniciativa Lexislativa Popular na que solicita a reforma da Lei Electoral. A Mesa da Cámara dispón agora de 30 días para comprobar que se presentou correctamente toda a documentación e, unha vez acadado o visto e prace, a formación de esquerdas disporía de catro meses para acadar as quince mil sinaturas que lle permitan que a proposta se debata no pleno do Parlamento.
Alí necesitará o apoio dos partidos que na actualidade contan cos representación. Carlos Aymerich, voceiro parlamentario do BNG, preguntado pola proposta de Esquerda Unida, retrucou: "pero creo que EU tivo nas últimas autonómicas ao redor do un por cento dos votos". En calquera caso, Aymerich manifestou que os nacionalistas son partidarios de calquera reforma que mellore a proporcionalidade. Con todo, afirma que o límite electoral non é o único problema da lei electoral, e que a súa reforma haberá que enmarcala nun debate máis amplo que inclúa a reforma do voto emigrante e a eliminación das circunscricións provinciais.
As opcións de Esquerda Unida de acadar representación
Despois de presentar a súa iniciativa, a coordinadora nacional de EU, Iolanda Díaz, amosouse convencida de que se se baixa a barreira a coalición de esquerdas acadaría representación nas provincias de Pontevedra e A Coruña. Puxo o exemplo de Euskadi, onde Ezker Batua tiña o 0,7 por cento dos votos antes de se realizase a reforma. E unha vez que se situou o mínimo no tres por cento, experimentou un crecemento que o levou a formar parte do goberno. Neste senso, Iolanda Díaz afirmou que moitos votantes optarían por Esquerda Unida se percibisen que ten máis posibilidade de obter representación.
Iolanda Díaz apelou directamente a PSdeG e BNG, e botoulles en cara que non avanzasen nada no obxectivo de mellorar a adecuación entre electores e deputados.