Diante de dous mil militantes e simpatizantes, o presidente dos populares galegos celebrou que se presente á reelección.
"Temos claro que o PPdeG é o teu partido e ímosche apoiar en todas as decisións que tomes no futuro", proclamou Núñez Feijoo nunha cea en Pontevedra con máis de 2.000 militantes e simpatizantes no que tamén participou o propio Rajoy. Nese sentido, celebrou que opte á reelección porque "é o mellor que lle pode pasar ao PP" e considerou que os nomeamentos que o presidente do PP fixo nas últimas semanas son "acertados e firmes" e que "van na boa dirección".
Nese sentido, garantiu o apoio dos populares galegos a Rajoy, ao que agradeceu a súa "confianza no PPdeG", ao tempo que manifestou o seu convencemento de que o presidente popular gañará os comicios de 2012.
Núñez Feijóo reivindicou ademais a presenza de cargos galegos no novo organigrama do PP e, a modo de exemplo, celebrou que a cabeza de lista do PP por Pontevedra, Ana Pastor, sexa a vicepresidenta da Mesa do Congreso dos Deputados, así como por que o 'número un' por Ourense, Celso Delgado, sexa elixido como viceportavoz do Grupo Popular. O propio Feijóo será un dos nove membros que elaborarán os relatorios do Congreso Nacional do PP. En concreto, Rajoy encomendoulle ao presidente dos populares galegos, xunto coa presidenta do PP en Baleares e o secretario xeral do PP en Castela e León, a elaboración do relatorio sobre os Estatutos do partido.
O PPdeG, segunda agrupación con máis compromisarios no Congreso do PP
Alberto Núñez Feijoo salientou o poder e o peso do PPdeG dentro do partido a nivel estatal, pois será a segunda agrupación cun meirande número de compromisarios no congreso que celebrará o partido conservador en xuño, só por detrás de Andalucía