"Se Feijoo buscaba axentes electorais, aí os ten", ironizou o voceiro do PSdeG, Ismael Rego. O PPdeG retruca que ían alcaldes do PSOE nas mesmas viaxes.
Na altura de 2003, o ex rexedor popular en Carballo, Manuel Varela, e o aínda alcalde en Boqueixón, Adolfo Gacio, realizaron viaxes a varios países a poucas semanas das eleccións locais e aproveitando o convenio entre o Goberno e a compañía aérea Iberia. O dato foi revelado este venres pola secretaría xeral de Emigración, en resposta ao propio grupo parlamentario do PP, ao tempo que achegaban o listado das máis de cen viaxes realizadas desde maio de 2002 a través do acordo Xunta-Iberia.
Trátase do mesmo convenio que usou a suposta axente electoral do PSOE en 2007, froito da polémica que levou á creación dunha comisión de investigación no Parlamento. En principio, o convenio está destinado unicamente a causas humanitarias ou casos de urxencia especial entre a poboación emigrante. Froito dese instrumento, o daquela alcalde en Carballo viaxou a Montevideo e Xenebra en febreiro de 2003, e o aínda na cadeira municipal de Boqueixón, Adolfo Gacio, trasladouse a Bos Aires.
Ao fío deses datos, o PSdeG aproveitou para denunciar que "os únicos que viaxan en campaña aproveitando o convenio da Xunta con Iberia son cargos públicos do PP". "Feijoo sábeo e ocultouno", dixo Ismael Rego, voceiro parlamentario do PSdeG, asegurando ademais que as viaxes tiveron que ser autorizadas polo daquela conselleiro de Emigración, Aurelio Miras Portugal.
O PP retruca que o alcalde socialista de Vedra ía na mesma viaxe que o de Boqueixón
O secretario xeral do PPdeG, Afonso Rueda, respondía este venres ás acusacións dos socialistas, revelando que un dos rexedores citados, o popular Adolfo Gacio, foi "acompañado polo alcalde de Vedra, do PSOE, que fixo exactamente a mesma viaxe, nas mesmas datas, nos mesmos termos, e baixo o mesmo convenio".
Rueda opinou que o PSdeG "trata de desviar a atención sobre un caso de presunta malversación de fondos no seu goberno". Ao respecto sinalou tamén que non se debera "misturar" o que na súa opinión é por un lado "o pagamento con fondos públicos da viaxe dunha axente electoral" co que por outra banda cualificou de "viaxes de cargos institucionais".