Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Non foi aprobada a protección para a zona

Unha canteira destruirá o entorno natural de Coto da Eira en Mondariz e Fornelos de Montes

Por tratarse dunha zona moi sensible aos impactos ambientais, Adega pide a retirada do proxecto.

ADEGA e verdegaia - 10:56 03/04/2008

Fai un ano, o concello de Mondariz, iniciou consultas a varios sectores da sociedade, consultando se o Coto de Eira era subceptible de seres declarado Espazo natural protexido de interese local (figura que contempla a Lei de Conservación dea Natureza, para que os concellos se comprometan aá conservación de espazos do seu territorio). Pero xa por aquel tempo, de todas as preguntas, a única que se facía directamente era si esta figura, sería compatible coa explotación mneira. Todo aquelo foi un soño

Agora, esquecido todo aquel procedemento, e independentemente dos valores naturais, inícianse os procedementos para o fomento das canteiras neste entorno natural. As reaccións non se fixeron esperar, e dúas asociacións (ADEGA e Verdegaia) acaban de expresar o rexeitamento a un proxecto mineiro.

Unha canteira de granito promovida por Granitos Miñor SL destruirá o entorno natural do Coto da Eira. A zona afectada do Coto da Eira foi proposta hai escasos meses no pleno do Concello de Mondariz como Espazo Natural de Interese Local. Esta proposta foi votada favorablemente polos representantes do PS de G-PSOE e do BNG namentras que foi rexeitada polo goberno local do Partido Popular. ADEGA quere preguntar abertamente qué intereses defende o alcalde do Concello de Mondariz que prefire destruir o Coto da Eira a protexer un espazo de evidente interese natural.

Para demostrar estes valores naturais evidentes nada máis temos que remitirnos ao proprio Estudo de Impacto Ambiental presentado pola empresa que recoñece a existencia na zona de 54 especies de fauna protexida por distintos convenios internacionais. Entre eles citaremos a Lontra (Lutra lutra), así como as escasas aves rapaces Tartaraña Cincenta (Cyrcus pygargus) e a Gatafornela (Cyrcus cianeus). Estas dúas especies veñen sufrindo graves impactos ambientais debido aos parques eólicos construidos na súa área de distribución en Pontevedra, dende as Brañas de Xestoso (A Estrada) até a Serra do Suido. Proxectos como este acentúan a súa regresión provocada polo home e colocan a estas especies ao borde da desaparición na provincia de Pontevedra. O movemento de numerosos camións, apertura de estradas de acceso e voladuras e explosións da canteira provocarán a súa desaparición desta zona.

En canto ás especies vexetais cabe destacar a presencia maioritaria do hábitat 4030 Brezais secos europeos declarado de interese europeo pola Directiva Hábitats 92/43 CE. O estudo de impacto ambiental fai unha descripción moi escasa da flora e vexetación da zona e na que aparecen evidentes erros de identificación como Lycopodium clavatum, unha especie de fieito que en Galiza só aparece nos Ancares. Sen embargo si é probable a presencia de Lycopodiella inundata que pertence ao Catálogo Galego de Especies Ameazadas e que pode ser confundida coa anterior.

Tamén, según expertos consultados por ADEGA e bastante probable a presencia da especie Thymelaea broteroi tamén incluida no Catálogo Galego e que coincide na súa área de distribución, na altitude da zona e no hábitat e sen embargo non aparece no estudo que se investigara a súa existencia na zona.

Outros erros flagrantes do estudo son a ausencia de xacementos arqueolóxicos sen embargo existe un foxo do lobo que está sendo inventariado como Ben de Interese Cultural (BIC). As alegacións de ADEGA completas pódense descargar na http://www.adega.info/ sección ADEGA-Pontevedra.

Por estes motivos e por tratarse dunha zona moi sensible aos impactos ambientais do proxectos ADEGA solicita a retirada do proxecto e en todo caso a Declaración de Impacto Ambiental Negativa.

Verdegaia oponse á construcción dunha canteira no Monte Comunal de Sabaxáns

Verdegaia presentou, en prazo de exposición pública, alegacións contra o proxecto da canteira que prevé construir a empresa Miñor Granitos S.L. no Monte Comunal da Parroquia de Sabaxáns, no Concello de Mondariz.

É de sobra coñecido o impacto negativo (medioambiental e social) que teñen as canteiras sobre o territorio. Neste caso sería especialmente negativo polo gran e valioso patrimonio natural e cultural que caracteriza a devandita zona, pois afectaría a hábitats de interese comunitario (protexidos por normativa europea e estatal); avifauna sedentaria, estival e migratoria, a gran maioría especies recollidas no Catálogo galego de especies ameazadas como de "de interese especial"; mamíferos como o lobo (Canis lupus) considerado Especie de Interese Comunitario; especies de morcegos: Rhinolophus ferrumequinum, R. hipposideros, Myotis myotis, que están catalogadas como "vulnerables" no Catálogo galego de especies ameazadas; étc.

O Monte Comunal da Parroquia de Sabaxáns tamén é o lugar escollido para a cría de aves como a Lullula arborea, Sylvia undata e Caprimulgus europaeus, todas elas incluídas no Anexo I: Especies de Aves obxecto de medidas de conservación, da Directiva 79/409/CE e recollidas tamén no Catálogo galego de especies ameazadas.

Por último nos recunchos do Monte Comunal habitan tamén numerosos anfibios e reptiles, de especial protección e moitos catalogados como vulnerables de extinción.

Pero, ademáis de toda a vida que alberga o Monte comunal de Sabaxáns, este espazo tamén destaca por posuír os Foxos da Chan da Anduriña, que son un conxunto único de patrimonio arqueolóxico galego. Estes foxos son un exemplo de dispositivo tradicional para a captura do lobo e outros animais salvaxes polo método de acoso.

Queda claro pois que este espazo natural distínguese pola súa calidade ambiental e cultural, sendo un dos espazos interiores do Sur de galicia de maior interese ambiental.

Dito esto, parece evidente o establecemento de medidas de protección e conservación para presevar un espazo tan único e preciado. Por contra, sobre él planea unha ameaza canteira chamada "Proxecto Corvos" que pretende levar a cabo a empresa Miñor Granitos S.L. Este proxecto destruiría completamente o espazo natural de altísimo valor ecolóxico, ademáis de alterar a paixase de forma irreversible. Por suposto non compre esquecer as alteracións xeolóxicas; a afección dos acuíferos, o ruido, as vibracións, o tráfico intenso de camións.

As canteiras son actuacións moi agresivas sobre o territorio,e cómpre valorar detenidamente a súa construcción. ¿Quén valora se a pedra extraída da canteira vale máis que a enorme biodiversidade que destrúe? ¿Os custes ambientais e sociais da canteira, están contabilizados no prezo final da pedra?

Son as Administracións públicas (autonómicas e municipais) as quen debe velar polo cumprimento da Lei de protección da natureza á hora de conceder as licencias, e salvagardar o dereito dos cidadáns ao disfrute dun medio ambiente sano.

Verdegaia aboga por unha moratoria na posta en marcha de máis canteiras. A protección do noso entorno natural é unha necesidade social, un dereito colectivo de tod@s, e unha obriga para con aqueles que non poden defenderse.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: