O proxecto de lei regula as ferramentas precisas para delimitar e conservar as diferentes zonas do territorio, que haberá que ter en conta tamén nos estudos de impacto ambiental.
O Goberno aprobou este xoves o proxecto de Lei de protección da paisaxe de Galiza, que se encargará de crear os instrumentos precisos para a conservación e a delimitación da paisaxe, que terá recoñecemento xurídico. O proxecto, elaborado pola Consellaría de Medio Ambiente, servirá de marco de referencia para todas as lexislacións que poidan alterar dalgún xeito as paisaxes, principalmente as de alto valor natural e cultural.
O texto foi consultado con diferentes órganos de participación pública, como o Consello Galego de Medio Ambiente, a Fegamp ou a Comisión Galega de Cooperación Local, ademais do Consello Económico e Social, que o avaliou "positivamente", pois "o proceso de degradación da paisaxe aconsella un marco lexislativo".
O proxecto de lei baséase no Convenio Europeo da Paisaxe, que propugna a integración da paisaxe nas políticas sectoriais, a participación pública na definición desas políticas, a sensibilización sobre o seu valor e a promoción de estudos sobre a materia. Até agora, Só Cataluña e a Comunidade Valenciana contan con leis análogas.
Contido
Nos seus 14 artigos, a futura lei estabelece a creación de instrumentos de protección da paisaxe: os Catálogos da Paisaxe de Galicia, as Directrices da Paisaxe, os estudos de Impacto e Integración Paisaxística e os Plans de Acción da Paisaxe para as áreas protexidas. Os Catálogos serán documentos de referencia que delimitarán ás grandes áreas paisaxísticas do país, cun inventario de todos os valores de cada zona e das áreas que precisen unha especial protección, mentres que as Directrices precisarán a calidade de cada paisaxe e que accións se precisan para acadala. As directrices terán carácter vinculante para a planificación sectorial e urbanística.
Ademais, incorporarase un Estudo de Impacto e Integración Paisaxística a todas as Declaracións de Impacto Ambiental. Outro instrumento de protección serán os Plans de Acción, centrados nos espazos de especial protección, que se axustarán ás Directrices da Paisaxe e incluirán unha proposta de mantemento e recuperación desas zonas.
O anteproxecto contempla, ademais, a creación do Observatorio Galego da Paisaxe, entidade de asesoramento á Xunta e responsábel da coordinación con outras administracións e sectores sociais. Entre as súas competencias está delimitar as grandes áreas paisaxísticas onde se elaborarán os Catálogos, ademais das accións de formación e sensibilización cidadá na necesidade de protexer a paisaxe. O Observatorio tamén avaliará e fará un seguimento do estado dos diferentes territorios.